Sen avisar

2015_08_30-21.14.31.396-CDT

No cinema e nas series de televisión de temática (pos)apocalíptica lévase moito o ton sepia, non para indicar un flashback, senón para representar a decadencia. Onde antes o ceo era azul e piaban os pardais, agora o fume de todo o queimado no estoupido violento non deixa pasar a luz o sol e xa só grallan os corvos que se nutren dos mortos. É un lugar común que adoita dar bo resultado. Diría que vai incorporado como elemento estándar no lado creativo da mente de case todo guionista do ramo.

Onte e máis hoxe estou a ver algo moi semellante, e non nunha pantalla. Onte, de primeiras, estrañoume que mediado outubro fora anoitecer ás cinco da tarde. O resplandor esmorecido que daba nas fachadas dos edificios era talmente o do solpor. O cheiro ó fume xurdiu pouco despois. Non sendo eu afectado por accidente cerebro-bascular, a resposta fíxose evidente por exclusión.

O lume chegou como chegan demasiadas cousas aquí: sen avisar. O día anterior estaba un abominando de ter empregado a expresión e hashtag “Galifornia”, aínda que só fora unha vez e por suxerir un nome para unha ilusión allea, a piques de consultar no Google o proceso de formación de nubes artificiais, e ó día seguinte o vento forte xa traía de cando en vez algún residuo de cinza. Vampiros e zombis non. Polo menos, non nese sentido literal. Se cadra tería sido máis divertido así.

A cor sepia sigue presente. O lume non chegou á cidade (a esta, si á mesma porta doutras, polo que teño lido nas cada vez menos fiables redes sociais), polo que, en canto sexa extinguido, o asunto pasará ás hemerotecas. Por incrible que a moitos dos que (con razón) lles impresiona canto está a acontecer, desde as mortes por combustión ata a versión oficial que culpa de todo ó vento e máis a Portugal dun xeito que acho moi poético, lles poida parecer, de aquí a pouco tempo non se volverá falar de nada disto. Pode mesmo que o partido no goberno autonómico repita mandato. Imaxino un paisano de 87 anos que igual viu as lapras lamber a súa propiedade decidindo, a medida que se achega o día de baixar a votar, que todo resignado sacrificio é pouco mentres o país non acabe sendo gobernado por partidarios do réxime chavista ou xente desta caste. E vexo cousas non menos aberrantes nas mesmas cidades que verían un estraño empardecer ás cinco da tarde.

Aquí, como digo, moitas cousas chegan sen avisar, causan o seu estrago e desaparecen. E logo a roda dá unha nova volta no proceso cíclico. Volta ó comezo.

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s