Sobre novelas inverosímiles e sen trama

triskel-dans-le-granit_large_rwd

Formúlase Manuel Veiga Taboada no seu artigo máis recente en Biosbardia un par de cuestións interesantes, nas que suxire a necesidade de revisar un par de conceptos: o de novela unida a unha trama perfectamente artellada e o da verosimilitude literaria, segundo o que hoxe se entende por tal nos dous casos.

(Fala tamén doutras cousas, coma da competencia que para a literatura supón o cinema, por exemplo, que non vexo xa tan atinadas. Literatura e cinema son formas diferentes de contar unha historia, cada unha con características das que a outra carece. É coma dicir que, na gastronomía, o primeiro plato e maila sobremesa son competidores. Certo é que hai quen ve o asunto dese xeito. É outro conto xa.)

Veiga descré do método da novela supervendas, onde todo no seu desenvolvemento ha de estar medido ó milímetro, con cada dato contrastado documentalmente. O que el chama “historicismo”. Para el, a literatura representa a liberdade da invención. Sen desprezar este método (todos os coñecidos valen e teñen cabida; o malo é se, como está sucedendo, un ou dous exerce/n “monopolio” no sistema e afoga/n o resto), hai tempo que coincido. Un paper cun estilo menos aséptico do habitual pouco ten que ver coa creación literaria, digo eu. Aparte, adoitan adoecer de encefalograma plano no que atinxe á composición dos personaxes e á capacidade da idea de se crear un “carácter distintivo”, máis aló das típicas viraxes argumentais sorprendentes, se cadra pola imposición de non saír do esquema, a risco, se tal sucedera, de acabar por ser demasiado o atrevemento: de parecer radical.

De igual maneira, acho algo excesiva a importancia que se lle confire á verosimilitude do narrado, sobre todo se falamos de literatura, que, contraposta á realidade, é esencialmente mentira, por moito que se pretenda facela pasar polo contrario en máis dunha ocasión. No relato, novela, etcétera, máis loada por críticos, lectores ou por ambos, haberá un cento de detalles inverosímiles. Tranquilamente. Hai que ter en conta, tamén, o que o escritor pretenda expresar, e se esa inverosimilitude (se así se percibe) pesa máis ou menos en función disto. Igual é inverosímil porque ten que selo: porque doutra maneira resultaría algo anodino. Ben sei, por outra parte, que para moitos, escribir consiste en contar algo que pareza verosímil malia non selo. É sabido que aquí entran os ollos que len ese algo. Coma no caso dos árbitros no deporte, dubido da existencia dun criterio unificado mentres eses ollos sexan humanos. E hoxe semella falarse coma se existira. E aínda mesmo se existira, a autoridade que o sostivera sería sempre cuestionable.

Explico todo o anterior porque, e non sei se vos pasa o mesmo, a miña memoria como lector é fragmentaria por enriba de todo. Do que leo, teña consideración xeral de literatura máis “alta” ou menos alta, o que reteño á volta dun mes ou de cinco non é unha trama “ambiciosa” tecida coma un labirinto sen fallo, non é a complexidade da interacción entre os protagonistas, non é o seu valor como “obra xeracional”, como “documento”, nin nada diso. Non. O que queda é un diálogo, unha característica particular dun personaxe, a descrición de certo acto en certa escena, un golpe de enxeño para finalizar un parágrafo, ou varias ou todas as citadas. Se é certa esa afirmación científica de que a memoria humana tende a descartar o malo, non sexa o demo que teña lido eu moita morrallada. Non digo que non. Pero se cadra a finalidade das artes, despois de todo, é o goce espiritual, e as probas académicas cumprimentadas para pasar o control dun tribunal avaliador son cousa máis axeitada para as oposicións a un corpo de funcionarios.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s