Os avós que non eran republicanos

barn-351480_1280

Leo críticas ó aparato mediático do independentismo catalán actual por retratar unha das súas figuras, Marta Rovira, omitindo o dato, entendo que para eles decisivo,  de que tivo un avó franquista. Ignoro se foi certo ou un bulo máis. As críticas son insidiosas, como o son as que chegan en sentido contrario referíndose ós acordos do ano 78 e demais. E o que tamén teñen ambas en común, por enriba de todo, é, a ollos medianamente racionais, a súa consistencia de fume.

A herdanza familiar, sexa en sentido biolóxico ou só ideolóxico, é a homeopatía da política. Unha enorme mentira que serve para converter o pasado nunha arma: a da deshonra. Hoxe descártase sen argumentar máis a idea de que un individuo poida ser indiferente ós vínculos familiares, como noutro tempo non se cría que a vella rosmona da choupana no medio do monte, que para todos os da aldea era unha bruxa, non fóra máis ca unha menciñeira de carácter pouco apracible. A familia é, e sempre foi, o meirande dos Estados.

O problema do asunto de Marta Rovira é o de tantas novelas que se escribiron aquí sobre o tema da Guerra Civil e posguerra, nas que os avós de todos eran republicanos. A servidume da herdanza familiar é ocultar o avó franquista no faiado. Porque os houbo na vida real, e foron moitos. Diría eu que os máis. O único que gañaron foi a guerra.

Está de moda lembrar a conveniencia de non esquecer o pasado. Sospeito que isto, que se enunciou nun contexto moi determinado, se interpreta en sentido absoluto. Eu, polo menos, teño moitas lembranzas que preferiría esquecer e que ningún beneficio me van traer coa súa presencia na miña memoria. Moitas veces, o pasado pode matarte ós poucos desde dentro. Así que as escollas son dúas: ou o deixas atrás (se podes) ou, polo menos, o enfrontas tal e como foi. Hai crimes terribles e ben verdadeiros, e ter un avó franquista non é un.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s