Os ceos azuis de Tom Waits

vaulted-cellar-250335_640

A última ocorrencia nese avespeiro chamado redes sociais por parte dun youtuber ou algo polo estilo seica foi facer burla dunha desgracia allea. Nada novo niso, de non ser porque esa desgracia ten unha gravidade especial: a depresión.

O feito en si non é sorprendente. Algo moi común hoxe é tomalo todo, ben á lixeira, ben á tremenda. E son moi libres de pensar así, por suposto. Mais é unha putada a morte do termo medio, como morrían as bolboretas monarca nun relatiño de Sam Shepard, esmagadas contra o seu parabrisas conforme corría pola estrada; era a época do ano na que lles tocaba morrer, por mor do ciclo biolóxico, segundo el cando menos. Direi máis: se se toman as cousas á lixeira, é común incluso que sexan asuntos nimios no significado orixinal da palabra: vastos, complexos.

Desta tocoulle, nada máis e nada menos, á depresión. Se o burlador a toma tan a chacota como disque o fixo, debe supoñerse que nunca a padeceu. Seguramente o ignore, pero pode dar gracias por atopar, sequera, interese en algo na vida, por moito que, como sucede con case todo youtuber, sexa unha babecada sen encanto. Sei de persoas deprimidas que acabaron pendurando do teito polo pescozo. Nin ese aspirante a celebridade de baixo orzamento, nin se cadra moitos máis, se decatarán da profundidade certa dese abismo que máis dun cantante bluseiro ou folqui definiu coa proximidade xusta para non facer caer nel ó seu público ou, se xa estaban aló abaixo, para facelos sentir un algo confortados por demostrar coñecemento da sensación. Nunhas gravacións da súa época inicial de intento de crooner, Tom Waits, penso que versionando, pedía ós ceos azuis unha razón para se erguer da cama. Cursi, é verdade, e porén certeiro.

Non vería imprudente esa burla se a achara fundamentada en certa idea do seu obxecto e nunha intención absolutamente saudable de minimizar a traxedia mediante a comicidade (esta, a ben feita, é ante todo tráxica). Agora, para rir da guerra, cómpre saber o que doe a metralla na carne.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s