Sexo e violencia

broken-window-960188_1280

Recupero aquí un artigo publicado no seu día en Letraenobras.com, por aquel entón titulado S*** E V********. Non remata de perder a súa actualidade.

Unha das razóns polas que levo 10 anos sen entregar nada nunha editora ten que ver con certa sensación embarazosa que remata por embargarme cando escribo.

Contaba Stephen King, anos antes de dar ó prelo A Milla Verde, que as súas tentativas de crear algo non pertencente ó xénero terrorífico fracasaban sen remedio. Arrincaba, ía indo, e de súpeto, pumba, aparecía un zombi e ó carallo todo.

Vese que el, sequera en parte, acadou rachar aquel seu maleficio. Eu non. Son incapaz de rematar unha novela ou un relato sen que me salte o valado algunha escena de sexo ou violencia (física ou non) explícitos. Non me refiro a excesos nin a sensacionalismos; non gustei da Biblia filmada de Mel Gibson, nin dos malandros que tiran coa pistola ladeada estilo late Hollywood, nin entendo por que Mario Casas é (disque) o Marlon Brando mesetario… Non. Falo de sexo e violencia coma algo cotián, apenas perceptible en moitos casos. Coma o que son: algo fortemente arraigado no xénero humano.

E claro, en vista do que se publica aquí hoxe en día (do máis visible, polo menos), decontado me pregunto: Como cona entrego eu isto a un editor? Xa non digo nada de mandalo a un premio literario. Diso xa vos falei.

E é que antes, ata os anos 90 e sobre todo nesa década, aínda era posible atopar no que se viña publicando aquí algo de realismo neste sentido. En cambio, hoxe sería complicado que a Manuel Seixas lle premiaran en ningures a A velocidade do frío, ou que Cid Cabido dera colocado algo da súa narrativa cortante daquela época (da que logo renegou, paréceme), ou Aníbal Malvar os seus polares á galaica.

Tal maneira de entender isto das letras, daquela maioritaria ou como mínimo destacada, pasou a ser, dun xeito non de todo comprensible, claramente marxinal. Un pouco coma o boxeo televisado, este resucitado gracias á TDT. Diríase que aquí e hoxe, a única expresión autorizada do sexo é a que se faga desde a corrección política (inclusive unha postura marcadamente feminista) e a da violencia, a que a amose como algo netamente criticable.

Tampouco podemos dicir que as expresións de sexo ou violencia (física ou non) exentas destas limitacións se comprendan. Lembro algunhas cousas que se dixeron xa no seu día sobre A balada do nudista caviloso. Daquela deume a impresión de que se interpretaba todo acto sexual ou violento (principalmente físico) explícito nunha narración coma algo desmesurado, fóra de lugar. Foi cando comecei a comprender que, desta finca, eu non era inquilino sequera dun metro cadrado. É unha das razóns do meu silencio editorial desde entón.

A impresión segue presente. Existe unha contradición moi obvia na ficción que toca un tema moi popular aquí, como é o da guerra civil española. Este tipo de obras adoitan centrarse no tema sentimental e na denuncia política. Sen embargo, e estrañamente, carecen de verdadeira crueza ou truculencia. Nesta omisión, ignórase un aspecto elemental dos conflitos armados: os impulsos que dan orixe ós actos habituais neles, e os propios actos adoitan representarse sen moita profundidade: mencionados, máis ca narrados. Pregúntome que concepto hai por aquí do que é unha guerra.

Coidar gratuíta toda expresión de sexo ou violencia (física ou non) baleira da connotación moral que semella ser a desexada é un simplismo coma un Boeing 747. Tal opinión revela un concepto máis ben fundamentalista e desde logo incompleto do que son ser e civilización humanas. Ou que, por equilibrio mental, non convén ver producións de Dreamworks máis de tres veces.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s