A actitude Terrier

En Le Choc, filme de acción oitenteiro para gloria de Alain Delon principalmente, adaptando unha boa novela de J. P. Manchette, Delon interpreta a Martin Terrier, un asasino profesional ó servizo de certa Compañía que decide retirarse. O día que retorna de terras magrebís, onde executou o seu último “contrato”, o primeiro que fai é comunicar á moza coa que está que, tal e como lle advertira ó comezo da relación, un día marcharía, só; o único que levaría canda el sería o seu gato. Non me sorprendeu a escena cando a vin porque coñecía o orixinal. A única diferencia é que na novela, ela é algo menos vulgar, pero nos dous casos, a reacción da muller é extremadamente mundana, sen demasiada distinción. Linguaxe de arrabaldo e amago de violencia física cara el. Ata que el abre a boca, en cambio, ela parece talmente un amor de cinema/literatura. Non é, pois, quen de superar a proba da adversidade. É unha miraxe, un manequín.

A gracia desta escena é imaxinar como sería a súa relación. Se el chegara a considerala seriamente nalgún momento como parella para o resto das súas vidas. Sendo como el é, por forza, sería moi improbable. Tampouco se chega a explicar. Na novela, ela non volverá aparecer máis ca citada nunha noticia de xornal a conto do seu asasinato (a mans dun grupo de terroristas que lla teñen xurada a el). No filme, cando el sube ó piso dela para rescatar o seu gato, atópaa na cama con outro. O dito: distaba moito da perfección. É unha persoa mediocre. Se el, que non o é en absoluto, tivera desistido do seu plan e decidido quedar con ela, é de supoñer que botaría o resto da súa vida en común arrepentíndose.

Mais el nunca deu ese paso. A prudencia máis elemental pode evitar anos de amargura a cambio do pequeno ou grande prezo de pasar por covardía no momento. Estamos no tempo de esixir a toma dunha posición acerca de calquera asunto máis ou menos transcendente como actitude estándar. A min isto sempre me pareceu inxusto. A política persoal é, ou debera ser, algo enormemente variable desde o racional. Pódese pensar dun xeito hoxe e doutro diferente un tempo despois, unha vez que a experiencia nos modifique a perspectiva. De feito, que alguén siga a pensar exactamente igual sobre un asunto a perpetuidade dá para desconfiar un pouco sobre o xuízo desa persoa, para min polo menos.

Por desgraza, a máis da xente non comparte o meu criterio, ou tal noto. Unha opinión, enunciada por brincadeira, nunha arroutada ou dun xeito que se preste a unha interpretación errónea pode distanciar ó seu autor do seu Tren. Para sempre. Eu, por exemplo, penso diferente nun 93% con respecto a hai un ou dous lustros. E case seguro que, á volta dun prazo semellante, volverei pensar diferente de hoxe. Mais quen oíu as miñas opinións de entón probablemente tomou nota delas e nin se molestou en me volver preguntar. Cando evoque o meu nome ou esta miña cara (menos agradable de evocar), materializaranse na súa cabeza, coma un eco, as miñas palabras daquela, hoxe sen valor, malia que se ignore isto. Non sei cantas portas se me terán pechado por causa desta ignorancia.

Por todo isto, un non pode por menos de defender unha actitude vital Terrier, se queremos chamarlle así. A ocasión de poder deixar a porta aberta, no sitio de tirar coa chave.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s