Pensionistas cambiando pneumáticos

training-exercise

Unha tarde de Aninovo destes últimos anos colleume nunha parada de autobús da Ronda da Muralla, agardando pola milagre de ver aparecer un autobús nos vindeiros dez minutos (en Lugo e nun día festivo é un milagre, podedes crelo), cun dos seus carrís ocupado enteiramente por tractores parados sen ocupante. Penso que mesmo publiquei a foto dun deles na rede, un John Deere da cor verde de rigor. Había ben tempo que por aquí non se vía unha tractorada, ata o punto de se me antollar algo de tempos idos. Semellante entusiasmo espertou en moita xente máis, digo eu, a xulgar polo moito que se falou dela. Un tempo despois, houbo eleccións e o Partido Popular, que electoralmente vive desa parte de Galicia que despois marxina, o rural, renovou a súa maioría absoluta. Fin do entusiasmo.

Non é que un non celebre que o cidadán deixe de acreditar na andrómena de que, se non ten o que lle corresponde por xustiza, é que non fixo para merecelo, e o reclame. Ó contrario. Tamén me pareceu de agradecer aquela serie de protestas do persoal do Sergas a conto de non sei agora que recortes. O que non me pareceu tan de agradecer foi o único motivo delas, que era, por moito que mencionaran a “perda de calidade na atención ó paciente”, en esencia egoísta: había quen ía perder a nómina. Poderían ter protestado pola escasa ou nula financiación de investigacións de novos tratamentos para doenzas que xa non son infrecuentes. Seguir a tratar, por exemplo, os cancros graves como se tratan no momento presente é máis ben pouco práctico, por dicilo dun xeito comedido, se se pensa na incidencia actual do mal na poboación e na evolución prevista desta no futuro próximo, que o situará pouco menos ca coma epidemia, cando hai proxectos en marcha para facer o proceso máis áxil para o sistema sanitario e menos sufrido para o doente que están parados ou pouco lles falta, ou no mellor dos casos tardan dez ou quince anos en chegar ós hospitais, porque non lle importan un carallo a quen pode facer algo por remedialo. Respecto a isto, a posición dos profesionais da sanidade pública adoita ser máis ben conformista. A desesperación só xera o impulso cando é a propia.

Estes días saíron milleiros de pensionistas ás rúas demandando unha saída á precariedade das súas economías. Empresa ben razoable e de loar. Mais as loas de moitos quedaron nalgúns casos a rentes da autohumillación. De súpeto, resulta que os pensionistas xamais tiveron relación ningunha co estado actual das cousas, senón, coma nun filme do Charles Bronson dos 80, todos os demais: os menores de 65, os indignos, os covardes, os que debían tomar boa nota e reverenciar ós airados. A min, e sospeito que son minoría nisto, coma en tantas outras opinións, dáme máis ben que o que estes pensionistas están a facer é intentar cambiar o pneumático do coche que eles mesmos acoitelaron ou axudaron a acoitelar. Que polo menos teñen propósito de enmenda; outros nin iso. O que se persegue, para entendérmonos, é a claridade, e non dar certas adhesións ideolóxicas ou evolucións de pensamento por cousa feita. Mellor era agardar ás vindeiras eleccións para poder dicir con certeza se o pneumático volve aparecer acoitelado ou non. É un consello.

Aquel un de xaneiro, finalmente chegou un autobús. Non era o meu. Si subiron a el un amigo dun amigo e maila súa moza, con paso seguro, a diferencia do que eu agardaba. Aínda viñan vestidos dese xeito ridículo propio das festas de Noitevella, el cun esmóquin entallado de tea negra e brillante e o pantalón estreitiño. O bus parou mesmo diante do tractor ó que eu lle fixera a fotografía co meu móbil barateiro. Nada me dixeron eles, aparte dun saúdo con présas e voz augardentosa, nin falta que facía. Esa imaxe da parella viña de devolverme á realidade.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s