A navalla de Gandhi

Contei eu na versión primeira deste blog algo desagradable que me sucedeu sendo colexial cun fato de abusóns, unha aventuriña cun final completamente diferente do que a chamada mentalidade bempensante suxire nestes casos. Contei que daquilo aprendín moito acerca do funcionamento dunha sociedade e mesmo dun país. Así foi. Hoxe suceden cousas para moitos indignantes e escandalosas con razón que xa non me causan máis ca unha sorpresa moi lene, coma cando nota un que algo lle anda pola pel dun brazo e ó mirar ve que a araña é pouco meirande cá cabeza dun alfinete.

Dáse moito que vivimos crendo simplemente o que nos contan (ou ben no outro extremo, que queda a rentes da paranoia). É moi cómodo. Con frecuencia, a versión que se nos ofrece, ou resulta tranquilizadora, ou se agradece a xeito de advertencia do que podemos atopar polo camiño. Unha das ideas máis falaces ou equivocadas, depende de quen a emita, é a de atribuír a quen ten por costume asoballar un comportamento animal, sen miga de astucia. A imaxe do abusón que se nos dá é a dun brután impulsivo que, non ben albisca unha vítima, aló vai co pau na man. Felicito a quen pense así, porque é evidente que viu ben poucos abusóns en acción na súa vida.

Eses bestas bravas de cabeza quente existen, mais son soamente unha variedade de abusón, diría eu que minoritaria, ou cando menos adoitaban selo. Tal vez moita xente non o saiba, pero o abusón tamén pode ser sutil. Teño visto moito neles o emprego da provocación en beneficio propio: tócase a susceptibilidade da vítima, sen mover un dedo, sen facer nin amago de lle erguer a man, aparentando intención mesmo amigable, ata que aquela acaba por saltar, ben por se anticipar ó que todos os indicios lle indican coma un ataque inminente, ben por esgotamento da súa tolerancia, e quedar, á vista de todos, coma a única dos dous que cedeu á violencia; á física, naturalmente, pois da existencia dos outros tipos non parece terse consciencia máis ca de xeito moi arbitrario. Dependendo da dirección do vento.

Por estas cousas tendo a situarme ás veces no lado paranoico cando oio que alguén alude sen descanso ás súas intencións e proceder de paz. Abonda con verlle a cara para saber que leva a navalla de afeitar ben afiada no peto de atrás.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s