Burro que abaixa o pescozo

Lonxe dos motivos da corrección política, hai que recoñecer que certas palabras teñen acepcións, se non erróneas, cando menos inxustas. Chámaselle burra á persoa de pouca intelixencia ou astucia, e ó tempo o burro é un animal moi nobre e (velaí o que igual non é tan ben sabido) non tan parvo. Se algunha vez subides a lombos dun, algo cada vez máis improbable, e notades que empeza a abaixar moito o pescozo coma se fora pacer, aconséllovos que vos agarrades onde poidades; non tardará en dobrar lixeiramente as patas dianteiras e, a desgusto co peso que leva enriba, tratará de se librar del por impulso gravitacional. Por algo é parente do cabalo. Tamén quen usa a palabra “pallaso” no seu matiz despectivo esquece que este fai algo tan digno coma buscar a hilaridade allea.

Mais, en materia de acepcións pouco acaidas ou, máis ben, obsoletas está a do adxectivo “infantil” coma algo impropio da idade adulta. Mirando na 2 un documental sobre superheroes na hoxe chamada banda deseñada, no cinema e na televisión e a súa evolución cos anos, batín cunha escena d’A Muller Maravilla. Está Lynda Carter presa nunha cadeira, perante unha especie de oficial nazi coas esvásticas nas dúas mangas o dobre de grandes do que deberan. E ela dille algo así coma que “se na Illa Paraíso só hai mulleres, é porque é o único xeito que teñen de desenvolver sentimentos e capacidades lonxe do influxo violento masculino” ou algo semellante. Este argumento, deseñado para mentes de nenos e preadolescentes cun nivel cultural moi común que acudían ó quiosco non á procura de grandes conceptos filosóficos senón de explicacións sinxelas das mecánicas dunha vida que eles vían preferible ás súas, é hoxe empregado con moita frecuencia á hora de defender teorías chamadas feministas (as do maioritario discurso B, naturalmente, que é o que se distancia do que debera ser a esencia, o da esixencia de igualdade, para afondar na natureza do sexo oprimido mediante hipóteses ben pintorescas e pouco realistas).

Lin no Twitter algo que acho evidencia desde que non tiña no cabelo entradas do tamaño dun fiordo noruegués: contra o que se di, non interesa a información, senón a confirmación de que se leva razón. Nesta actitude estaría a explicación da forza coa que se estenden os bulos polas redes adiante, de toda ideoloxía e tema, por moito que os máis deles non resistan unha análise minimamente esmerada. Xa non se analiza. A análise podería traer a contrariedade, e canda ela a ruína das propias conviccións, e canda ela a dor. Unha amiga contábame hai tempo que seu sobriño de cinco anos indicaba co dedo as cousas e dáballes nome. Moitas veces erraba. Chamáballe, poño por caso, “papagaio” a un micho. Ela, paciente, dicíalle que aquel cuadrúpedo guedelludo de ollada fría era un gato. “Non”, teimaba o neno”, “é un papagaio”. Así tumba e dálle varias veces. A nai levábaa entón a un aparte e aclaráballe que o neno sabía perfectamente que aquilo era un gato, pero como non lle adiviñara antes o nome, rexeitaba recoñecer o erro e insistía en chamarlle polo que se lle ocorrera ó chou. Porque o neno non quería a contrariedade, a ruína das propias conviccións nin a dor. Coma o burro, abaixaba o pescozo para botar lonxe o que non lle prestaba.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s