O traxe fino do indiano

Eli (alias Paperboy) Reed ten unha canción moi potente chamada Your Sins Will Find You Out, que significa algo así coma que os teus pecados acabarán por dar contigo, métaste onde te metas. Ignoro se a letra vai con ironía ou trae algún sentido oculto, mais podería moi ben ser o himno do mundo hoxe. Un himno admonitorio, recordatorio mesmo para non crentes. E un himno ó que ningún pecador actual prestaría atención pois, ou prefiren ignorar que o son, ou se mexan coa risa cando se lles di.

Un pecado sempre de actualidade é a mentira, e máis ultimamente a conto de certos políticos de currículo mentireiro. Aínda non lin nin oín ningunha opinión que recolla o que acho tanto lugar común coma verdade indiscutible: que os políticos son un reflexo da sociedade do seu país. España, Galicia inclusive, debe inzar de currículos mentireiros coma de carrachos os cans de aldea en tempo de fame. Unha cousa é só presumir dun diploma inexistente de odontólogo e outra andar fedellando en dentadura allea a conta del, certo. Pero todo o mundo sabe que no mundo laboral é moi común poñerse nunha entrevista diante do empregador e, por non se expoñer a un descarte, dicirlle a todo que si, tanto se pregunta se se entende de mecánica de camións de catro eixos coma se se sabe manipular residuos nucleares, malia que non se saiba o que é unha árbore de levas nin o tamaño dun silo para 100.000 barrís. O principal é poder pagar as facturas; se despois estoupa todo ou acaba o tráiler fendido á metade, velaí un mal menor. Os políticos mentireiros son máis coñecidos e viven mellor ca estes mecánicos e manipuladores en realidade inexpertos; o dano que poden causar non é tan desemellante. A diferencia maior e definitiva está na escolla. Non se entra en política por supervivencia. Non existe esa obriga.

Outro dito di que a raíña, ademais de ser decente, ten que parecelo. Poida que os políticos de currículo mentireiro pretendan unicamente acalmar algo que pode chegar a ser virulento na súa ansia de fartura como é o ego. Por simple que sexa tal razón, non digo que non se dea ás veces. Mais inclínome a crer que ós máis os move apenas a intención de transmitir unha mensaxe á sociedade da que xurdiron, igual cós emigrados que, á volta de Cuba sen un peso, entraban na taberna da súa aldea vestidos de traxe fino cos zapatos de charón a renxer no piso a cada paso: quedade tranquilos, que eu non tiven necesidade de mentir, a diferencia de vós. (E, coa língua pequena: “Que sexa mentira, é mal menor. Que me atopen, no final de todo, cando nada disto importe xa, os meus pecados, se son quen de tal.”)

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s