Tres vacas mirando pasar o tren

astronaut-877306_1280

Unha tarde volviamos tres compañeiros e máis eu do colexio, polo camiño asfaltado de sempre entre hortas e un par de casiñas que vai conectar as zonas de Albeiros e A Garaballa coa Avenida da Coruña, e que o Concello malchamaba rúa xa daquela. Non sei de que iriamos falando. Teríamos por aí 11 ou 12 anos e, a diferencia de Vincent Price a tal idade, non posuíamos un Rembrandt, así que a nosa conversa seguramente trataría da comparación técnica entre Buyo e Zubizarreta ou de se Butragueño era tan mingafría (termo non despectivo segundo coñecedores veteranos do deporte) como para algúns era.

A muller viña lixeira en sentido contrario, desde Garabolos, pola outra banda do camiño. Dela non me chamaron a atención nin aspecto nin maneiras ata que, coma se viñera de lembrar algo urxente, cruzou de súpeto o camiño e se puxo diante nosa. Tantos anos despois, lembro unicamente un corpo miúdo duns trinta ou trinta e cinco anos animado polo desacougo. Dubido que nos dera tempo a dicir nada antes de que ela encetara o que acabaría sendo un discurso acerca da superación persoal e a necesidade da perseveranza para acadar o que un se propuxera na vida. Falábanos con tal seguridade que, por un momento, pensei se non sería unha tía miña da que esquecera a cara. Na dos demais lin idéntico desconcerto. Ela non, polo menos en aparencia. Seguiu co seu soliloquio febril de motivación, do que coidei entender que aspiraba a unha praza de profesora, perante tres vacas que miraban pasar o tren.

Non entendín nada. Á terceira exhortación a nunca perder a constancia díxenlle que si, como llo tería dito se me preguntara se era certo que Pol Pot criaba vermes da seda. Semellou quedar satisfeita; convencida nunca deixara de parecer. Mirámola marchar ó mesmo paso acelerado desa xente estraña que leva un foguete no cu en domingo. Tardei anos en ver que non era unha fugada dun sanatorio. É unha necesidade humana ben coñecida a de procurar a aprobación allea da política (hai quen lle chama “filosofía”) propia do xeito que se poida. Se cadra aquela muller non falou soa aquela tarde por unha casualidade.

Ás veces, sobre todo cando paso polo lugar, pregúntome se finalmente a súa política lle traería o éxito que procuraba: se agora será unha profesora de mediana idade cun gato gordo da cor da cinza. Tampouco podo evitar preguntarme como sería todo se tivera sucedo hoxe e non naquel tempo, cando case todo esta un pouco ou bastante peor. Se o seu esforzo sen premio a tivera deixado medio morta na beira do río daquela, poida que a súa charla de automotivación a mandara outra vez corrente arriba. Se tivera sido hoxe, penso que acabaría coa cartilla do Sergas cargada de receitas e facendo activismo nas redes.

Foi mellor que sucedera daquela.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s