Os preguiceiros

A Fito Cabrales, cantante de Fito y Fitipaldis e, nunha época moi distante, de rocanrol, preguntáronlle hai poucos anos se se coidaba merecedor do seu éxito comercial. El respondeu o que soaba a desculpa mais non acho que o fora en verdade: que era moi posible que houbera artistas mellores cá el pero que eran tan… (pausa para escoller o adxectivo)… preguiceiros que nunca obterían ese recoñecemento; faltoulle engadir “porque non lles peta; despois que non veñan chorando”. Aludía á diferencia entre a creación artística en si e a inserción do artista no mundo do espectáculo que, certamente, non sempre van unidas, malia semellar ese vínculo imprescindible hoxe se se pretende estar niso a tempo completo. O contrario é a ousadía do xogador ou do suicida. Un pouco coma se queres caerlle simpático a Juan Tallón e te metes co peiteado de Simeone.

É camiño moi taconeado, este do dilema arte ou cartiños, e non vou entrar nel eu tamén. Agora, sucede algo interesante con este asunto: sempre se dá por certo que o artista “preguiceiro” o é porque, como debía estar a pensar Cabrales durante esa pausa enfática, lle dá a gana. Que podería encaixar sen maior problema nese molde amosando unha disposición mínima, e no canto disto prefire facerse o especialísimo, o maldito, o incomprendido e o, en definitiva, superior para logo ter que gardar un silencio vergoñento vivindo entre cartóns ou tirar de veleno polo ferrete abaixo contra os que ocuparon o seu lugar na lista de supervendas ou na radiofórmula.

Parece descartarse, ou ben nin considerarse de entrada, que tal vez, non sempre pero con máis frecuencia do que se pensa, non estea tanto o defecto (de actualización, se cadra) nunha banda desta teórica asociación coma na outra. Que non é que se trate de preguiza por parte do diplomado en Relacións Laborais, senón de que só reciba ofertas de emprego para deseñar vehículos espaciais.

É reflexión dura de facer, sobre todo vivindo no país das Mil Orquestras, certamente. E con todo sensata, penso. Para moitas cousas, a xente é como a afán. Hoxe, nota un a obsolescencia. A ausencia das viraxes no rumbo do barco que sempre se deron ó longo da Historia. O temón debe estar atrancado polo medo, pola ignorancia ou pola teimosía. Mentres, a madeira do casco vai gretando e non hai como lle dar brea e estopa porque o capitán non estima que a nao vaia vella. E a tripulación de Fitos, a isto, cala.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s