Diarios culturais e vacas do leite

Sucedeu a semana pasada, xusto antes da das Letras; se non fora intencionado, non lles tería saído mellor. Sóubose, primeiro pola “filtración” en liña por parte dun dos membros do seu equipo, despois mediante a aclaración un algo eufemística da canle, que o Diario Cultural da Radio Galega tal e como o coñecemos cesará de emitir este vindeiro setembro. Digo que a aclaración oficial é eufemística porque alude a unha redefinición de formato, algo que case sempre, e sobre todo ultimamente, sabe a cambio definitivo, cando non a morte lenta. Segundo a CRTVG, o tempo de información cultural non se reducirá na práctica, senón que se duplicará, se ben fragmentado en segmentos distribuídos ó longo da grella. Soa a cando a un escritor (famoso e exitoso, claro) lle piden nas roldas de prensa un resumo do argumento da súa novela en 30 segundos.

Ogallá puidera dicir que me estraña, mais non. De feito, son seica 28 anos en antena e non me explico como puido darse tal prodixio. Ninguén dubidará da necesidade de tal espacio, supoño. Eu tampouco. Digo que a súa supervivencia ata hoxe faise un algo misteriosa. Calquera sabe que aquí, en orde de preferencia por apoio popular, a “cultura” ocupa posto de descenso nunha hipotetica clasificación do ocio. En Champions, Gayoso, O Land Rober e as tardes con Pili Pampín. Nada moi diferente, pois, de cando Toñito Blanco criticaba os concursos nos que daban premios de 1000 pesetas ás amas de casa. Non me vou poñer repunante: tamén eu sigo o fútbol e o baloncesto, tamén vexo moito cinema distante da categoría de arte e ensaio e, iso si, non vou ver á Panorama porque me priva o predominio do meu sangue sueco ou venusino, eu que sei. Todas son formas admisibles de matar o tempo. Por iso mesmo, porque os máis as prefiren a ler algo que non veña do boca-orella ou asinado por Rivas ou De Toro ou a ir ver unha exposición a unha ferretería reconvertida en lugar cool, é tan especial que este programa chegara ata hoxe, e tan predicible a súa defunción ó tempo.

Agora ben, cántase moito a cantinela de que o Diario Cultural é un servizo público. Dirano por se emitir nunha canle pública, porque en sentido estrito non me parece certo. Debera ser un servizo público. A realidade é que deu unha información bastante completa da produción cultural do país chegada, polo menos no que atinxe á narrativa, pola vía do mainstream galego, se podemos chamarlle así. (Eu mesmo fun parte como autor, máis ou menos, hai un tempo; permitíronme dicir unhas palabras sobre A Balada do Nudista Caviloso que emitiron resumidas con Radiohead de fondo; non hai queixa.) Igual ca nos medios en xeral, sempre botei en falta neste espazo un descenso habitual ó soto, con toda a súa actividade na sombra sen outro remedio, nun proxecto que, cómpre telo presente, xamais dependeu da súa acollida para ter continuidade. En cambio, tiven que fedellar no Amazon para saber que moitos escritores de aquí siguen a darlle saída ó produto do vicio como poden.

Preferiría que a dirección da canle se botara atrás do dito. E que duplicara o tempo adicado á “cultura” creando outro Diario Cultural a maiores. Mais o que de verdade preferiría é que, se se trata de ter unha vaca na corte, non nos contentemos con que dea só leite, senón leite ben gordo. Con moita proteína.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s