O que non se vería nin nun anuncio do Gadis

old-tv-1149416_1280

O outro día apareceu na liña de tempo do meu Twitter a captura de pantalla do que parecía ser un tuit da RAE. Dicía algo así como “Dejadnos en paz, putos gaiegos [sic]”. A non ser que fora un “fake”, supuxen que se referiría á polémica última a conto do topónimo Sanxenxo/Sanjenjo, que debe ser o máis emocionante nunca acontecido aquí desde que Sir John Moore gañou unha loubanza versificada a cargo de Rosalía de Castro. O tuit seica fora borrado ó pouco tempo da súa aparición, de madrugada. Como digo, igual todo foi un bulo. Quen o sabe, e que importa.

A miña reacción a esa mensaxe, supoñéndolle autenticidade, foi tomala coma un intento do “community manager” de saída chistosa e acaso autoparódica para axotar tensións logo de días de expoñer razoamentos (discutibles, coma todos os que traten destes temas) perante o galitwitter alporizado. Coido que fun o único. Polo demais, desencadeou unha arroiada do que os tuiteiros que a usaron chamaron “retranca”.

O concepto que os poucos galegofalantes da rede que queren facer por conservar en uso a retranca semellan ter desta debera comentarse á marxe. Direi soamente que talvez non sexa o máis achegado ó orixinal; esta “neorretranca” presenta o pequeno inconveniente de que as máis das veces, a non ser que bote un as tres cuartas partes do día co nariz pegado á pantalla e dándolle ó dedo arriba e abaixo, non se sabe a que carallo se refire, ó querer os seus autores facela tan fina que prescinden de toda referencia clara, chegando a confundirse co contido doutras mensaxes súas de intención reivindicativa, confusión que xa se deu máis dunha vez e non lles caeu nada ben. Imaxino que fóra do mundo “virtual”, caso de tirar dela, si que serán máis explícitos cos receptores, porque se non van aviados.

Non é o que máis me intriga da cuestión, con todo. Estes “neorretranqueiros” adoitan chufar de neorretranca sobre todo diante de (ou dirixida contra) españois mesetarios, coma quen porta un estandarte. Parecen un anuncio deses do Gadis, malia que non é raro que boten pestes deles, por simplistas. A min isto estráñame, digo, porque infiro que entenden coma esencia da súa condición de galegos modernos algo propio dunha Galicia que xa non existe. Non podo aseguralo, e non tomedes isto coma un exercicio de erudición, pero penso que non me equivoco demasiado se sitúo a orixe da retranca nos días nos que os amigotes de Pardo de Cela mandaban á aldea, primeiro, os seus recadadores de tributos para arramplar co mellor gran e carne, e despois, xa alá contra a noitiña, baixaban en persoa coa cabeza algo cargada polo viño reclamar o dereito de pernada sobre a moza máis feitiña. Ós labregos era o único que lles quedaba se habían ter que leirar con este sistema: a retranca.

A Galicia de hoxe igual non é moito mellor, mais desde logo non é xa aquela. A de hoxe está moitísimo máis preto do Youtube, do parkour ou do Combo Dominicano ca daqueloutra de Rosalía de Castro, ou da dos que meteron nunha cela de pedra a Celso Emilio Ferreiro, ou da dos seareiros de taberna a facer chanza con sutileza do señorito, porque para chegar ata estas últimas habería que cruzar a porta que dá ó outro mundo. Nin ós ideólogos dos anuncios de Gadis se lles ocorrería semellante identificación.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s