Ir ó zoo e perderse na xungla

children-1031030_1280.jpg

Foto: Annie Spratt

Alguén que coñecín da construción, do periodo glorioso de inflado de prezo do metro cadrado no que se estaba a cocer o desastre de 2008, contoume dun seu compañeiro de estada, un cubano de mediana idade que loitara en Angola. Poucos detalles me soubo dar, mais supoño que sería nos 70, na guerra civil, cando Castro mandou mocidade uniformada sen barba dura para dar apoio ó MPLA. Este cubano e maila súa tropa deberon loitar na parte da Cabinda, porque el falaba dunha xungla. E desta xungla chámaballe especialmente a atención unha ausencia completa: a de vida animal.
A primeira vez que o escoitei parecéume impensable. Sen eu ter nunca andado daquela por unha xungla, todas as miñas referencias acerca dela configuraban un lugar onde, de non saber moverse, un podía rematar envelenado, mutilado ou furado a aguilloadas alí onde puxera o pé, en cuestión de segundos ou minutos ou horas. Non era que eu acreditara en canto puideran dicir os documentais, tampouco. Supoñía unicamente que, se en algures tiña que vivir a fauna no seu estado máis primitivo, tería que ser alí.

O cubano tamén debía razoar así no momento no que abandonou a cidade na que se criara e se botou a tiros polo medio da foresta africana. Seica volveu un algo trastornado de semellante aventura. Non se lle notaba máis ca en certos comportamentos incongruentes, en repentinas aparicións do absurdo. E contáronme que volveu así non pola xungla en si, senón polo que vira acontecer nela. Non por acto de animal, senón humano.

Tamén estes meses aí atrás andou Iolanda Zúñiga a promocionar libro novo, baixo o seudónimo de Marleen MaLone, Noites de safari. Unha das súas estratexias era colocar pequenos fragmentos nas redes sociais. Eu batera cun no que a narradora, quero crer que personaxe non baseado en feitos reais polo que se conta dela, convoca un home á cochada cunha mensaxe na que di devecer por ter diante o seu “pollón” ou palabra semellante. “Que home se resistiría a isto?”, pregúntase ela para si mesma, talvez satisfeita. E este home que isto teclea non puidera evitar responder a esta pregunta: “Eu”. Non pretendía ofender. Saírame da alma. Se algunha muller me dixera algo así, veríame obrigado a botar contas dos seus encantos para conservar boa impresión dela, porque xeito tan vulgar de incitación supoñeríame o que os ianquis chaman un enorme turnoff, un caldeiro de auga xeada por enriba da libido, vaia. Algo perfectamente humano, e máis tendo algo de imaxinación e estilo. Porén, teño a sensación de que hai moitas mulleres e algúns homes (na vida real, digo, non na recreada nun monólogo cómico) convencidos de que calquera home sen unha tara física ou mental acharía aquela mensaxe irresistible. Isto podería explicar numerosos desencontros de verbena e discoteca, problemas que chaman “sentimentais” e erros en certas teorías pseudointelectuais.

Seguramente, unha idea fixa na mente de algúns filósofos e sobre todo de moitos alquimistas é que a persoa ve o mundo só como coida que é. O malo é se se é unha Marleen MaLone, que o ve como quere crer que é.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s