Os mil Pedros Feijoos

mule-2084324_960_720

Pedro Feijoo proclámase “farto de levar paus por aportar ducias de milleiros de lectores á literatura galega”. A frase é o titular dunha entrevista que non tiven ocasión de ler enteira, mais o contexto semella evidente. Parecendo como parece persoa máis ben afable, é difícil que o ton xeral da conversa sexa ese. Se cadra, nun acto do máis natural (que ademais pode el permitirse sen ser, a diferenza doutros, cualificado de resentido), pretendeu deixar claro que unha cousa é termar da diana co brazo estalicado a un lado do corpo e outra situala con gusto no medio do peito propio.

O que non me explico é a orixe deses paus ós que se refire. Á súa obra non lle coñezo máis ca loas, aínda que pode ser que non estea eu dabondo conectado ós medios que falen da literatura galega coma algo máis ca nomes escritos en páxinas amarelecidas, que non deben ser moitos. E, sen ser os paus tan mala cousa, e dígoo pensando en algo moitísimo peor cá dor, como é a indiferenza, se algún levou, sospeito que era un pau non dirixido á persoa, senón ó fenómeno.

Non sei vós, eu nada teño contra a obra de Pedro Feijoo, todo o contrario. No seu momento, presentou unha sorte de manifesto a prol do folletín (sen ton pexorativo: fálase de literatura popular) como necesidade neste chamémoslle sistema literario e eu aprobei tal iniciativa, como o sigo a facer, de palabra e de obra. A cuestión está na medida. Se unha persoa pasou do hábito de tomar unha copa de albariño á cea a inzar o seu organismo de alcol coma o fígado dunha vaca inza de cobre, é difícil saber se o motor é a demanda ou é a oferta: se foi a necesidade a que reclamou a botella ou foi a botella a que creou a necesidade. De igual maneira, non sabemos se aquí existen demasiados escritores (barra as, por se non se sobrentendera) a devecer por ingresar no top 3 das listas de vendas e das de recomendacións no ensino de xeito simultáneo, ou ben é que ás editoras e ós xurados de premios literarios de aquí lles falta tanta ansia coma temor lles sobra a apostar por nada non susceptible de acadar os andeis de El Corte Inglés, máis alá dun cupo reducido de narrativa e sobre todo poesía por razón de estética, por así dicir, e non sei se de consciencia.

Non hai mal ningún no que ofrece Pedro Feijoo. A besta ben pode con un Pedro Feijoo, e está moi ben que suba nela. O que, máis tarde ou máis cedo, a vai facer afociñar, é que todos na vila queiran ser Pedro Feijoo. Que se lle suban ó lombo mil Pedros Feijoos, pouco antes de que se sinta o seu espiñazo a crebar.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s