Nin do xugo, nin do pozo

horses-hooves-164940_1280

Di Guille Milkyway, o cantante, que lle encanta meterse en leas. Tamén di que un dos seus defectos é non saber falar máis ca de si mesmo. Isto último non é precisamente novo. Leo a diario, sobre todo nas seccións de opinión de todo tipo, a moita xente que só sabe falar de si mesma. A diferencia deste home, estoutra xente ben evita a sinceridade ou ben non é consciente de estar a facelo; polo contrario, limítase a darlle a eses monólogos egocéntricos aspecto de reflexións sobre o tránsito vital, as relacións humanas e a profundidade das anécdotas de aeroporto. Con toda a afouteza que implica a confesión de Milkyway, tamén hai que reparar na habilidade (que tampouco chamarei arte, pero recoñézaselle a dificultade) destes falsos omniscientes, pois a súa verdadeira intención non adoita ser captada polos seus lectores.

O gusto polos enredos penso eu que nunca ben ponderado foi. Ostenta unha mala reputación non de todo xustificada. É certo que moitos enredos non son, tanto para a persoa coma para a sociedade coma para o mundo, máis ca unha presa de cinza no lume. Este ano fan 25 da saída de Boys and Girls, aquela canción de Blur que falaba das hordas de ingleses amorais que caían sobre Magaluf e arredores cada verán. Daquela non había balconing nin esas cousas, pero viña sendo o mesmo. O seu compositor, Damon Albarn, observaba sen paixón o tema da canción no mesmo momento; uns anos despois, admitía que lle provocaba unha mestura de atracción e repulsión. Tanto tería que Albarn tivera estado nesa grea (se é que non estivo) e pensado como eles pensaban. Da súa actividade, como moito, tería aprendido que non todas as enfermidades de transmisión sexuais deixan sinal externo. Polo demais, se o fora antes, seguiría sendo un idiota.

Estes enredos adoitan ser os favoritos da xente. Aqueloutros dos que se pode aprender algo ou tirar un proveito semellan resultarlle menos atractivos, non sei se porque, en bastantes casos, conlevan meirande penalización, social ou outra. Atribúeselle, penso, a Alfonso Guerra aquela frase sonada de «El que se mueva no sale en la foto», e tal sucede con moita frecuencia. Existe na sociedade e no individuo unha falta terrible de tolerancia ó acto de se meter en enredos. Concede o perdón por moitas cousas imperdoables, pero por isto non. Cando, para min, meterse en certos enredos non é nin sequera algo que requira unha petición de perdón. Falo de facer o que un considera correcto, que non sempre é o máis práctico, nin axeitado, nin delicado.

E falo de facelo sen «aceptar as consecuencias». Creo que abonda desa imposición indiscrimada: abonda de deixar a quen ten o valor de ir de fronte ós pés dos cabalos, como di esa expresión castelá anatomicamente inexacta. Trátese de dereitos laborais, de criterios literario-editoriais erróneos ou dun abuso máis evidente ou menos evidente, ninguén está libre de que un día, ou lle toque o xugo, ou lle toque o pozo. Os ingleses de Magaluf guíanse polo rauto, coma o animal; o ser humano non balconeiro debera dar algo máis de nivel en todos os sentidos.

Deja un comentario