Iso do politicamente incorrecto

anchor-on-thailand-beach

Foto: Ian Bunyan

Nunha pasaxe de L’ affaire N’ Gustro (“El asunto N’ Gustro”, en España, no seu día), novela moi negra de J. P. Manchette, o protagonista, canda unha grea de axitadores de ultradereita (malia que el non se adscriba a máis ideoloxía cá que satisfaga a súa vaidade e/ou lle encha a carteira), acaba de deixar moi escarallado un grupo de militantes esquerdistas. Vai pola rúa coa única amargura de levar os pantalóns rachados cando bate cunha súa compañeira de cama ocasional, militante de esquerda ela que non se atopaba no grupo agredido. A moza recrimínalle o que vén de suceder: “Supoño que agora escarmentastes”. El pensa no curioso que é que, logo dun enfrontamento, cada un dos bandos coide terlle dado un escarmento ó contrario. Se nos guiamos polas declaracións posteriores dos candidatos, o mesmo ocorre logo dun debate en campaña electoral, por poñer só un exemplo; e aquí os compañeiros de cama poden chegar a ser, andado o tempo, aínda máis opostos a priori.

É comprensible que todo o mundo cobice a victoria, por moito que Josep Fontana deixara dito que era unha cousa completamente inútil. Faise moi dura a existencia sen un obxectivo que conquistar, para uns, e para todos, e no mundo actual, sen o prestixio que dá. Menos explicable me parece a loita que nos veu lembrar a lea na que se meteu Rober Bodegas; non é que meterse nelas faga a ninguén bo cómico, mais direi que os bos, a pouco que demostren selo, acaban sempre por meterse nunha. Se a expresión “politicamente incorrecto” fora ente vivo e intelixente, seguro que tería gana de matar uns cantos millóns de humanos, sequera pola lixeireza coa que intentan apropiarse dela e definir o seu significado ó seu gusto. Son politicamente incorrectos os brancos que renegaron do raciocinio a querer degradar sen a menor gracia nin interese ós negros, e sono os negros, co respaldo de moitos brancos pero sen a menor gracia nin interese, a querer degradar eses brancos. Sono os amigotes etílicos, normalmente con moza ou esposa na casa, tamén hai que dicilo, a querer (auto)convencer(se) de que os anuncios aqueles de Axe tiñan base real a conta de cagar pola pouca dignidade que teñan, e sono as militantes do todas-divinas-agás-as-que-non-son-da-Nosa-Corda-e-todos-sucios-agás-os-aliados, obviando o feito de que a súa causa, ameazadora do establishment segundo elas, foi abrazada mesmo nos faladoiros faranduleiros televisivos, e non preguntándose por que sucede isto cando tal vez chegaran a algunha conclusión para elas sorprendente se o fixeran. Sono novamente os amigotes etílicos, desta vez na praia, cando oen que anda un homo preto e arriman o cu á parede por se acaso, e sono eses homos cando se fan esa palla mental na que Deus vive nun arco da vella e ser hetero implica viaxe obrigatoria na barca de Caronte; isto último, en xustiza, é máis ben idea de heteros con complexos varios, entre eles o de culpa polo que xamais fixeron. Sono esquerdistas con aínda menos estilo cá amiga do comenencias da novela de Manchette cando ensinan as tetas pintadas de cor rosada diante dun Cristo coma se iso fora transgresión (aínda que nunca recoñezan tal intención e poñan cariña falsorra de inocente cando chega o reproche), e sono os que poñen a bandeira española co paxarón no vidro traseiro do coche e falan do que descoñecen, que é todo agás como poñer a coitela da afeitadora para un rape a ras de coiro.

Agás unha presada de xente que vai por libre, todo o mundo se proclama politicamente incorrecto hoxe.

E a cuestión á que nos leva este desenvolvemento dos feitos é clara e non tan desconcertante cando xa non se acredita nos conceptos máis ca por comenencia: Que pasou a ser o politicamente incorrecto?

Mentres non se lle dea unha resposta cumprida e cabal, non terei outra que facer, por unha vez, coma os que din que nin son de esquerdas, nin de dereitas. Eu, nin politicamente correcto, nin politicamente incorrecto: unha flor do toxo.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s