Os nenos que só lían o Harry Potter

atm-1567136_960_720

Sen fachenda ningunha, podo dicir que fun un dos non moitos que soubo que a serie de Harry Potter ía dar millóns tanto de euros coma de lectores moito antes de que así sucedera. Botando un ollo pola Biblioteca Municipal de Lugo, a do parque de Frigsa, descubrín aquela primeira novela, creo que encadernada en tons verdes. Xa non era un rapazolo, mais tiña curiosidade por saber o que se estilaba para uns e para outros. O libro parecía un máis deses novelóns grosos asinados por nome forasteiro que con tanta frecuencia acadan os andeis e os escaparates das librarías de prensa. Nin sequera estaba na zona de novidades, nin tiña, de primeiras, nada que non tiveran outros de estética e propósito similar. É o que ocorre cos supervendas: nunca se sabe ben como é que o chegan a ser.

Folleando no exemplar aínda con escaso sinal de uso, ás tres páxinas comecei a imaxinar a súa adaptación ó cinema. Así foi, malia que non creo que sexa ningunha fazaña. Tal vez iso é o que J. K. Rowling logrou e outros moitos non. Iso, que non se pode explicar con palabras e que ocorre por un procedemento totalmente arbitrario. Porque non quere dicirse que o Harry Potter sexa literariamente superior a ningún desoutros novelóns ou sagas de ídem, non. É só que acadou esa diferencia a ollos do público.

Retornou agora esta lembranza porque ultimamente se veu falando de libros supervendas e se volveu apelar, por enésima vez, a unha das súas supostas bondades: a de crear novos lectores, e apelouse a ela en sentido amplo: como fórmula estándar.

Cando o fenómeno Harry Potter estaba acadando o seu punto máis alto, con varias entregas xa publicadas, apareceu nun xornal unha reportaxe con entrevistas a xente do gremio das bibliotecas públicas. A responsable dunha da provincia de A Coruña, penso, explicaba que, desde a chegada do H. P., era certo que estaban a aparecer por alí moitos nenos que antes non collían nunca un libro. De seguido, non sei se con vergonza ou con malicia, engadía que ó único que viñan eses nenos era a preguntar se chegara xa a nova novela do Harry Potter. Se a resposta era si, levaban o novelón; se era non, marchaban coas mans tan baleiras como as trouxeran. Non lles interesaba ningún outro libro.

Ás veces téndese a pensar que cómpre reducir ó mínimo ou enmascarar todo elemento “conflictivo” nunha obra literaria, a xeito de engado para un lector moi ocasional ou directamente principiante, para que se afeccione e deixe de selo. Un pouco coma os pais que lle deixan ó neno fedellar no smartphone para que logo teña mellor disposición a facer o que se lle di. A miña experiencia, como autodidacto e diletante que son, foi algo diferente: lectura a discreción. Naturalmente, sendo adolescente e vindo de ler pouco máis có que me impoñían no colexio, non era de esperar unha correcta asimilación de todo, e esta non se deu. Con todo, o método valeume para me crear un criterio. Polo menos, fun quen de diferenciar aquilo do que gustaba máis daquilo do que gustaba menos. Criterio variable co transcorrer dos anos, tamén é certo, pois non poucas veces volvín ó que de primeiras non me chistara moito e acabou por figurar entre as miñas lecturas favoritas.

Que os nenos que só lían o Harry Potter se dediquen ó smartphone.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s