Os cans na bouza. O meiquin of.

ramones-464224_1280

A orixe

 

Os cans na bouza é un proxecto de época dura. Comecei a escribila no 2002, o ano no que transcorre a acción da novela. Aquel verán, eu viña da en todos os sentidos cativa etapa promocional d’A balada do nudista caviloso e caín no que medicamente se pode chamar fatiga nerviosa, que me tería preto dun ano calculando o alto dos edificios co interese sincero de saber se unha caída desde determinados metros abondaría para me matar. E mentres isto sucedía, eu escribía, porque non sabía nin podía facer outra cousa. Alternando desolación con convencemento, deixándoa e volvendo a ela, deina por rematada catro anos despois.

Lembro ler lido naquel tempo El coleccionista de juguetes, de James Gunn. Unha experiencia que non lle desexo a ninguén, e menos se a sensación no corpo durante o día enteiro é a de ter comido algo en mal estado. Tamén parece un libro de malos tempos. Pero os nosos malos tempos son completamente diferentes. A miña sorte é que nacín coa vea coñona. No sitio de me enredar en diatribas deprimentes e nihilismo barato, o meu impulso natural guioume polo carril onde se lle dá a volta ás cousas, se ignora un pouco o sentido común no tocante á tolerancia e ás referencias do lector e, en definitiva, se obtén algo diferente. Lembrades aquela escena de Easy Rider na que Luke Askew, no papel do hippie Stranger, chega á comuna e, ó se lavar na pía, salpica os sobrazos sen quitar a chaqueta? Isto último foi improvisado; o actor estaba a atopar a película dunha solemnidade estomagante e botou unha presa de coña no pote para desacralizar o caldo. A min lévame acometendo ese ese mesmo impulso case toda a vida. Por exemplo, e para o caso, se o correcto é achar trasnoitadas e de baixa calidade literaria as escenas de acción nunha novela, deume por meter aquí un tiroteo cunha ametralladora de aviación. Non podo evitalo e non sei se queira.

En fin, en resume: desta miña cocina do inferno saíu unha mestura interesante e penso que equilibrada do negro (que non policial) e do western.

Os cans na bouza non é exemplo de arquitectura literaria, nin o pretende. A trama non está medida ó milímetro, nin elaborada coa preocupación de non saír do rego da coherencia. Non investiguei os procedementos habituais no narcotráfico nin nos baixos fondos. Nin son Nacho Carretero nin me importan aquí. Isto é outro conto. Se teño que definila dun xeito recoñecible, direi que é unha novela máis de personaxes ca de tramas. De personaxes baixo presión e sen cancelas, cada un polos seus motivos: dependencia emocional, sede de poder, baleiro existencial, loucura. A todos lles meteron os cans na bouza: a todos lles incentivaron esas emocións. Algo nada fortuíto, porén, é a localización da escena central de acción, onde conflúen todas esas baixas paixóns, se se lles quere chamar así, e o ambiente no que se move Rodrigo, quen ten en común con Seixas, ademais da muller á que queren e buscan (chercher la femme, dicían antes en Francia para nomear un elemento recorrente na ficción literaria e cinematográfica) a risco de xogar o pelello, o seu certo “anacronismo” sen renuncia.

Os cans na bouza, tamén teño que dicilo, malia non ser recomendable pensando no marketing, é unha novela algo salvaxe en certas partes. Dun salvaxismo necesario, iso si, pois expoñer o camiño dos que levan o peso da acción nela require honestidade. Mais aínda estas partes non fican exentas da ironía coa que tales personaxes asumen o seu destino.

A base

 

O único tirado de xeito case literal da realidade son os perfís das usuarias da web que Suso Seixas visita e ás que non contacta. Proceden de varios portais de contactos, nunha liña explícita ben distinta do modelo Meetic ou similares. Véxoos moi dignos de seren incluídos nunha novela coma a presente, a falta de saber quen se agachaba detrás deles.

Todos os personaxes da novela son ficticios, se ben o protagonista, Suso Seixas, ten unha particularidade. Inspireime en Manuel Seixas, o escritor e músico. Fisicamente, de feito, Suso é moi semellante ó Manuel que aparece na fotografía de contracapa da súa novela Bailarina. No físico queda todo. Suso é un home que vive no pasado sen remorso ningún, e sen norte tamén. A Manuel non o coñezo; sei que viviu un tempo especialmente crítico, como o vivín eu sen certeza de telo deixado atrás de todo, pero non máis. Espero que non lle pareza mal esta certa “apropiación”.

É o único personaxe con algo de real, e tamén hai un único escenario con tal. Un garaxe coma ese no que se arman guateques improvisados e no que acabará por acontecer algo bastante substancial seica o houbo en certo barrio vello de Lugo cidade. Era o local de ensaio dunha orquestra de medios e eco moi modestos. Creo que xa non existe.

 

O proxecto

 

Como sucedeu con Fisterrania, repito con Amazon como casa editora, a falta de mellor alternativa, por razóns alleas ás miñas actividade e interese. Edición cento por cento artesá no que atinxe ó deseño da capa e á maquetación, que o seu tempo e dores de cabeza me levou deixalo todo libre de erros e ben presentable. Da conversión do material por min creado tanto nun arquivo de Kindle coma nun volume en papel encárganse eles en exclusiva, e aí xa non teño arte nin parte, nin en consecuencia culpa da mellor ou peor calidade do produto final.

O que conta é o de dentro, tédeo presente.

A intención

 

Coma en todo o que escribo: para goce do espírito.

Descarga Os cans na bouza AQUÍ

2 comentarios en “Os cans na bouza. O meiquin of.

  1. Pingback: Os cans na bouza. A novela. – A PEQUENA NOVELA GALEGA

  2. Pingback: 12 cordas. O meiquin of. – A PEQUENA NOVELA GALEGA

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s