Saramago non parou no Kiabi

festival-1539083_960_720

Deixou escrito Saramago que, no mesmo ano no que lle concederon o Nobel, estaba un día en El Corte Inglés, en crequenas ó pé do estante dos calcetíns, sumido na indecisión propia do comprador. Daquela, seica el ignoraba que aquí ás peúgas se lles chama así, por certo. Nisto que se lle achegou un home a falar con el. O que mellor lembraba o escritor do encontro era o abraio do descoñecido. Semellaba o home atopar inaudito que José Saramago estivera nun centro comercial comprando calcetíns en posición “tan pouco digna” (creo que escribiu), e máis que o fixera en solitario, e non na presenza para o home moi lóxica de dous asesores e tres gardacostas.

Lin isto poucos días despois de baixar eu ata o Kiabi por ver de comprar un par de xerseis, pensando no inverno e en que os aniversarios non perdoan. O pouco familiar de tal prenda para min desde a preadolescencia recomendaba un investimento moderado; se existe o risco de lle coller noxo a algo, que sexa sequera barato e non doia que acabe na traseira dun camión de Urbaser ou nun contedor para a beneficencia deses que adoitan saquear os xitanos. O Kiabi de aquí é como pode esperarse que sexa un outlet para vender case podemos dicir que ó peso: en toda a nave industrial só vin unha empregada, a que atendía a caixa. Notei que a clientela non era amiga de amosar signo de humanidade ó dar a compra ó cobro, por algunha razón que non me alcanza, e máis vendo á moza suramericana bastante estresada. Apenas lle falaban. Era unha clientela de sombras. “Non te estreses”, díxenlle, cando marchou a Santa Compaña. Coidei notar certa sorpresa por baixo do seu aire de normalidade. “Non te estreses, que máis te has estresar cando vexas como che deixei a sección Home”. Son un dos peores dobradores de roupa desta banda do Atlántico, como mínimo, e a impaciencia tan existencial de non atopar nunca o que busco non me fai gañar en habilidade. Acrecentouse un algo o desconcerto na moza. Intuín que non era perplexidade, tampouco, senón a incomodidade da situación: non saber como reaccionar perante algo tan insólito, aquí e seguramente en case todo lugar, coma que alguén amose certa consideración cara alguén.

Cristo parou en Eboli, pero Saramago non parou no Kiabi. Di moito o seu conto do veleno dos estereotipos. Sei, de feito, de algún escritor ó que a súa muller lle confesou algunha vez, algo avergonzada, que, antes de coñecelo, sempre coidara que os escritores eran xente máis importante. A min, o sentimento (nada tráxico) de insignificancia acompáñame alí onde vaia, e autorízame a ser humano con dependentas estresadas. Onde non hai relevancia hai moitas veces a liberdade da distinción.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s