Desexo ou paciencia

Será porque ultimamente me vin obrigado a unha parte do oficio como é a corrección dunha novela que me resulta especialmente cargante, xa non só pola monotonía perigosa que implica unha serie de entre seis e nove lecturas completas consecutivas, nin porque nunca se acade o obxectivo desexado de deixar en cero as partes a enmendar (antes ben ó contrario: sempre, por moi ben cosido que se coide ter deixado todo, xurden mellores maneiras de dicir ou omitir), senón por detestar ler o que un mesmo escribe.

Será. O caso é que non teño gana de escribir practicamente nada. Faría unha excepción cun cheque en branco ó meu nome; poucas máis. Só teño gana, por exemplo, de mirar series de formato televisivo e inventar, sen ambición ningunha, novas historias a partir de personaxes ou situacións que alí resultan moi secundarias. Ás veces mesmo se acaba por materializar algo do imaxinado. Pasoume hai pouco con This Is England, a serie. Un dos personaxes, Kelly Jenkins, chamárame a atención xa desde o filme que daría orixe á secuela televisiva. Alí é unha figurante con tres ou catro liñas banais de diálogo en total, o que pode ser comprensible se se pensa que Chanel Cresswell tiña 16 anos daquela, e porén vinlle potencial para máis. Na serie realizada polo Channel 4 vai gañando, tal e como eu fora tecendo de cabeza mentres escoitaba os grandes éxitos de Suede, un protagonismo turbulento e conmovedor ós poucos. A actriz levou un BAFTA e todo. Ogallá tivera eu tanto tino para todo, pero só o teño para o non rendible.

Teño gana disto, e de ir máis amodo. En todo. Que tamén é unha putada, porque, como me adoita suceder nunha cidade coma Lugo, cando eu quero ir a 130 o resto dela vai a 25, e á inversa. Moitas veces, cando me dan conversa comprando a prensa ou antes de me cobrar o café, eu paro un pouco, mesmo unha vez morta a conversa de motivo máis mercantil ca outro. Non marcho decontado, senón que quedo a observar o que sucede por uns momentos: os acenos da xente, algún cambio no lugar no que puidera non ter reparado, calquera cousa aparentemente nimia no seu sentido máis coñecido. Non vexo por que non mo poida permitir e quero facelo. E a xente suspira e mírame con certa impaciencia non agresiva e dime: “Pois… adeus.” Coidan que espero, cando o que fago é agardar. Coidan que é desexo, cando é paciencia. Non entenden nada, nunca.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s