Cartos en Suíza, man de obra en Asia

Foto: Margarita Morales

Case nunca de me decato de cando na cabeza na xente se dá un funcionamento anormal ata que se poñen a falarme. Case todo o mundo me parece moi común á vista. Tamén mo parecera aquel home. Tíñao visto moito polo barrio. Iso era todo; nunca o oíra falar. Atribuíralle unha voz grave a aquel aspecto de pintor de paredes veterano e desempregado de longa duración, mais resultara tela de ton medio tirando a agudo; case laiaba tanto coma falaba. Comezara o seu soliloquio cando eu viña de deixar baixo chave o que traía de fóra nun compartimento dun deses armarios de lata pintada de cor alaranxada que teñen nos Gadis. El estaba a facer o mesmo, viume chegar e arrincou. Á obsesión abóndalle con sentir outra presenza humana para se reafirmar.

Era un votante potencial ou efectivo de VOX. Era unha inxustiza que ós de aquí non llelo deran ou lles puxeran mil cancelas, e en cambio chegaban de fóra e pumba, dábanllelo decontado. Repetiuno varias veces: ós de aquí, que estamos pasando necesidades, non, ós de fóra que despois andan guiando coches caros, a eses canto queiran. Botei unha ollada discreta en derredor, aproveitando que daba a volta. Se ben captaba algunhas miradas daquela maneira, os máis ignorábano como se ignora un ordenador que mete demasiado boureo na parte dos ventiladores porque vai vello.

Logo de trinta anos vivindo nun bloque de protección oficial, teño costume dabondo con este tipo de actitudes, que son máis antigas e frecuentes do que moitos poidan coidar, por certo. Sei disimular bastante ben a miña condición de ovella negra neste sentido: a miña sorte é ter traza de señor decente e católico (e feo e sentimental) sen sequera eu mo propoñer. Porén, expúxenme un pouco, pois a razón non lla podía dar de ningún xeito.

-Tampouco lles arrendo a ganancia -díxenlle, tirando do dito castelán. Gusto moito de como soa.

-A quen?

-Ós de fóra.

Sorprendentemente, aparentou certa dúbida. A burra foi dereita ó bornal:

-Téñeno máis doado cá nos. A eles perdóanlles impostos.

Vin aberto un dos lados da súa defensa e mandei un ataque lóstrego.

-O que é igual para nós ou para eles é que só chos perdoan se es… -non lembro quen foi que lle dixen. Pensade en calquera cabaleiro vestido de xastre careiro que teña os cartos en Suíza e a man de obra en Asia. Aproximadamente.

Quería ver se resultaba, malia ter pouca esperanza de que así fose. Existían un 98% de probabilidades de que me chamara antisistema. Contra tal prognóstico, o paisano puxo cara de ter recibido os Reis anticipados.

-Aí está! -proclamou, triunfal. Botou un tempo repetíndoo polo supermercado adiante. Oíao ó lonxe, mentres buscaba eu os tomates de oferta e os chícharos de marca branca.

Ás veces pouco cómpre para acadar un entendemento.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s