Unha muller cun Magnum 44

blast-proof-722931_960_720

Volveu suceder. Pasara eu polo Dia que hai preto da miña casa e agardaba na caixa para pagar. Diante miña estaban unha muller aínda nova canda un bebé e máis unha cativa de cinco anos todo máis. A muller pasou co bebé para a outra banda do detector e quixo pagar con tarxeta. Desta banda quedamos a cativa e máis eu. A cativa quixera coller unha desas cestas enormes de plástico que hai hoxe en case todos os supermercados, inútiles na práctica por mor do seu peso e capacidade se se comparan cun carro, e colocala na pila delas que había no oco de debaixo da fita transportadora. Os máis dos nenos non reflexionan á hora de tomar certas decisións porque non perciben as súas limitacións tanto coma un adulto (ou así debera ser, pero hai cada vez menos diferencia mental). Non resultou, pois, nada sorprendente que a cativa teimara en querer meter a cesta por un espazo obviamente insuficiente, pois a pila de cestas estaba contra o fondo do oco. A inconsciencia infantil dá de nefres coa realidade cando, por exemplo, padece o neno un sufrimento físico derivado da súa temeridade. Tanto era o peso do que termaban os seus braciños que axiña se decatou e comezou a pedir “¡Ayuda, ayuda!” á nai. Eu, que estaba á súa beira, non puiden evitar resolverlle o problema. Turrei da pila de cestas cara adiante e faciliteille así o cumprimento da súa tarefa de persoa medrada e menos feliz.

Probablemente foi por un sinal externo, con case total seguridade por ese sorriso algo papón que abrolla desde hai uns anos ós meus beizos cando trato con nenos, por aquilo de estar en idade xa algo serodia para asuntos de paternidade, pero percibín a tensión antes mesmo de erguer a ollada e ver a expresión de súa nai. Deume vergonza e recuei. O bebé botouse a chorar pouco despois, cun pranto estridente e como resentido, atraendo toda a súa atención. Agradecínlle a manobra de distracción.

Pregunteime, mentres marchaba, que tería sucedido se aquela muller chegase a ir armada. Non digo que fora tirar un Magnum 44 do bolso como faría unha versión feminina de Harry Callahan, sen preguntar antes de disparar. Tiña eu curiosidade por saber se, por un intre, se lle tería pasado pola cabeza a idea de tiralo e apuntarme con el. E, sen coñecela en absoluto, só pola sensación, xuraría que o tería feito. Tamén contemplaba eu a posibilidade de que fixera uso del. Aquí xa non sei. A deriva actual non convida ó optimismo neste sentido, e pode ser sorprendente o elevado nivel de brutalidade que pode acadar unha persoa con conciencia de vítima, e máis se á súa vez é vítima da aprehensión.

Estamos xogando a lle mexar na boca ós crocodilos estreitando cada vez máis a distancia entre o carallo e os seus dentes, con esta explotación do feito criminal (algo, lembremos, antigo coma a mesma humanidade e que durará o que dure esta, indiferente a toda condena e reproche públicos ou privados e a todo intento de reforma moral, ó non ter relación ningunha co racional) en segundo que situacións, cando as vítimas son de segundo que condición. Explotación obra da canle ou do xornal ou da web ou da rede social de marras, non sei se obedecendo á sede dese sentimento que sabe ó ferro, ou ben pretendendo crealo por razón mercantil.

Moita xente xa está disparando sen antes preguntar. O único que falta é que lles poñan o revólver na man. Que todo se andará. Despois, imos dicir que resultará “divertido” ver en que para todo.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s