Porta á Famiglia

cobweb-4193_960_720

Nunca acreditei nesa crenza actual de que a xente cada vez cre menos na familia. Paréceme pouco máis ca unha frase de suplemento dominical. O que eu vexo fóra deles é que chegan días coma estes, soan as badaladas imaxinarias chamando a unha reunión da manda e os seus membros acoden con devezo de xabarín á vista dun milleiral. Como sempre foi.

O outro día lin outros escépticos, por aí no ciberespazo. Estes, por se non fora pouco soportable a exposición da súa teoría, ofrecíana enchoupada no que hoxe en día é o ton de sermón de toda a vida: ese aire ghuai-cariñoso de “que carallo estades a dicir, que queredes pasar por modernos e sodes uns pasmóns”. Segundo eles, detestar a presencia dos cuñados (entendido, supoño, en sentido amplo: calquera persoa prosmeira e teimuda cunha elevada autoestima), lonxe de facer da persoa que detesta alguén especial (coma se a persoa pretendera de certo selo, algo que non está sempre claro), viría sendo unha especie de política neoliberal encuberta (?!?!): como non gusto da miña familia, pretendo cambiala por outra, igual que cambio de smartphone cando o actual fica obsoleto ou lle patina a RAM. Algúns outros, a maiores, cualificaban esta actitude coma inmatura, comparándoa coa rebeldía quinceaneira tipo “ninguén me entende”.

Vale. A ver:

Primeiro: Sospeito que no que lin puido haber moito dun mal moi deste século: o de non se saber expresar. A reconvención ben puidera vir motivada por unha chamada de atención sobre un detalle que é moi certo: non convén detestar á propia familia, porque sempre se dependerá dela. Cando non ten que estar un vivindo do deles directamente, algo que sucede tanto hoxe, por desgracia, neste xogo o azar pode mandarte de volta á saída calquera día. E alí estará, como moito, a familia; en rigor, quen debera estar é o Estado, pensando nun intercambio xusto, pero é obvio que non estará. Aparte disto, se se está no primeiro caso, é moito máis levadeira a coexistencia, sen dúbida. Agora ben: que non conveña non significa que ese odio non sexa lexítimo, e ben sabe Deus o moito que fai demasiada xente por gañalo pola man, mesmo o dos seus propios fillos, algo para min desprezable.

Segundo: Discrepo da suposta puerilidade de tal actitude entendida coma norma. Polo contrario, vexo reaccionaria esoutra postura, a da reconvención. Pode traducirse por: “Conténtate co que che tocou, non aspires a máis e cala a boquiña”. Sóavos de algo?

E por último, digo eu, por que non debe unha persoa intentar ter unha familia mellor, se pode, e se a que lle caeu en sorte a atopa digna de poñela diante dun pelotón de fusilamento? Non é coma trocar o smartphone nin a videoconsola, nin as mudas. En absoluto. Cando un ser humano non leva unha vida satisfactoria, fai canto pode por ter outra mellor. E falo de algo tan relevante como é unha vida. E pénsese no que ocorre a forza de aturar días, meses e anos a quen se querería ver arder nunha fogueira, esforzo non precisamente bo para a saúde de quen atura. O meu consello, e insisto no condicional: se fora o caso, e se podedes, a eses que vos traen cardiopatías e úlceras de estómago e noites sen sono, a eses preguiceiros á hora de facer por ser un ser humano mellor, que entenden por toda consideración precisa estar aí para facer un par de favores cando aperte a necesidade, dádelles porta, por moito que vos tiveran tocado no sorteo da liña de sangue. Se ides estar con alguén, estade con quen vos faga ben; que non ten por que ser cuñado, nin irmá, nin curmán, nin nai. Se podedes, adeus Sicilia e adeus Calabria. A familia non pode ser La Famiglia.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s