Policía moral: o oficio delicado

devil-1566853_1280

Como autor que publica no Amazon, sucédeme a veces que me vexo na obriga de ter que aclarar certas medias verdades acerca deste portal nas que demasiada xente tende a crer, que os levan á pretensión dun veto indiscriminado como clientes. Aclarar ou máis ben tratar de aclarar, pois teño a impresión de falar para a parede, e de que todos os boicoteadores persisten na súa postura por máis que un, como autor autoeditado, lles explique que non todos os que publican alí o fan por propia elección, xa que é ben frecuente que non exista sequera a disxuntiva de aquí ou acolá, senón a de aquí ou en ningures. Ben estaría que, ademais de investir un tempo nada desprezable en encheren tuits e posts, propuxeran ós que non teñen escolla un plan. Non un conxunto de ideas vagas (que se hai precedentes, porque tal escritor armou aí un crowdfunding e tal…) sustentadas as máis delas no simple optimismo, senón unha alternativa real e definida, con garantía de non ser castelo no aire.

En fin. Ó que ía: Moitos destes boicoteadores do Amazon sosteñen que o fan por coherencia coa súa oposición á explotación laboral e demais. Probablemente sexan os mesmos que votan a un partido político coa pretensión, algo peregrina talvez, de que, de chegar ó poder, cumprirá punto por punto o prometido en campaña electoral, sen ceder xamais perante posturas en teoría ideoloxicamente distantes. Estes boicoteadores ignoran o que é o mundo empresarial como ignoran o que é a política institucional e o goberno. Se imos ó primeiro, pecharán a porta a un xigante multinacional que semella partidario de crear humanos con software interno programable se tal fora posible, mais non tirarán co seu móbil rematado en horas extraordinarias ben máis tardías do recomendable para a saúde humana nunha fábrica de Shanghai, nin cos seus vaqueiros estreitiños cosidos por romanesas nun obradoiro de Trento ou chinesas nun de Coslada a patacón a hora se llelo pagan, nin co seu utilitario ensamblado total ou parcialmente nunha factoría de Polonia porque a de aquí pechárona por custo laboral excesivo, nin coa súa lavadora procedente dunha empresa na que despiden alegremente traballadoras preñadas ou co cartón de leite do que beberán ó almorzo, leite pagado ó gandeiro como se deixa caer unha moeda de dez céntimos na man de quen pide á porta do supermercado. Por exemplo. No asunto editorial, pois, aparte dunha autoedición “tradicional”, con tiraxe fixa e pagada de antemán, algo non ó alcance de calquera nin mediante crowdfunding, o único xeito de levar un libro a unha libraría e así dar sustento a quen nela traballa (a saber como, tamén) é mediante unha editora, non vou comentar grande cousa, por non dar a falsa impresión de que estou en contra do sector, todo o contrario, pero abonde con dicir que as condicións laborais dalgúns dos membros da cadea de produción, por chamarlle así, que dá como resultado un libro puideran distar de seren as mellores en ocasións.

A coherencia moral é algo dificilmente alcanzable, parece. O carallo é que somos seres humanos, e tanto podemos ser Pablito Calvo en Marcelino pan y vino coma Michael Douglas en Wall Street no mesmo corpo e mente.

A policía moral é oficio delicado, se un se decide a exercelo. Agora, tempo para o aburrimento nunca habería, pois o difícil non é dar cun infractor, senón o contrario.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s