A escolla do bufón

clown-695217_960_720

O día que na escola da vida ensinaron Habilidades Sociais, alguén debeu facer a falcatruada de me cambiar o libro de texto pola edición para enfermos mentais. Cando a máis da xente ten gana de arre, eu teño gana de xo, e viceversa. Non é nada intencionado; dáse así, máis nada. Cuestión de honestidade. Podemos empezar concordando, pero sempre chegará un momento no que se separen os camiños.

Como os cambios forzados no carácter unicamente se poderían (e remarco o condicional) dar de xeito efectivo en idade adolescente, a máis tardar, decidín hai xa moito que, se non podía dar as mans coa humanidade normal, ben estaría polo menos disentir con gracia. Hai que intentalo, sequera, por moito que non sempre resulte. Lembro unha noite, estando canda uns antigos compañeiros de curso nun pub. Un deles era un anglosaxonizado por completo no tocante á súa cultura popular; era indiferente á galega e detestaba a española. O caso é que estaba falando de grupos musicais, e de cando en vez facía unha pausa, á procura dun nome que tiña no bico da lingua. O nome seguramente sería David Coverdale, pero eu simulaba axudarlle suxeríndolle o de Manolo Escobar. Se se refería a Stevie Nicks, eu suxería Ana Kiro. Se o nome era o dunha actriz, que eu sabía que era Glenn Close, suxeríalle Gracita Morales. Así todo. Humor absurdo moi recoñecible, sen máis historia. El negaba a cada vez cunha risiña distraída. O resto dos presentes, en cambio, quedaban mirando para min coma se acabara de chegar á Terra dentro dun meteorito. Se os altofalantes do local calaran de repente, sentiríase voar un mosquito arredor das súas cabezas.

O bufón escolle vida dura.

Se falamos de cultura popular, vemos que esta desaconsella tal escolla (cando a hai, que ás veces o bufón fai o único que pode facer, dá o único que ten sen esperar moito en pago). Bart Simpson acabará vivindo da esmola de súa irmá, a que adicou o tempo, mentres o tivo, ó Serio. Por exemplo. O mundo das miserias diarias nunca tomará en serio a quen só coñece a irreverencia. E con todo, a min que me dean máis bufóns. Algún día, cun pouco de sorte, non se sentirá o voo do mosquito nin nunha sala de hospital.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s