Unha coitelada soa non mata

bola-cristal2-kiVH-U70401988915OCB-984x608@Diario Vasco

En moitos filmes vese que alguén leva unha única coitelada, as máis das veces no bandullo, e cae morto ó momento. Quen teña levado unha nesa parte da súa anatomía saberá que o proceso é ben máis lento. Se diso acaba un morrendo, non será tanto pola gravidade da ferida coma pola desatención total ó ferido. É difícil matar alguén así, como o é matar moitas outras cousas. Pénsoo cada vez que me decato do viva que está esa especie de filosofía estoica en base á que demasiados interpretan as dificultades vitais.

No 2019, continúan de moda ideas coma que o cancro se cura botándolle azos, e que polo tanto o de reclamar un meirande investimento na investigación médica e na sanidade pública é algo que, como moito, “tamén está ben”, quere dicirse que é secundario ou directamente irrelevante; ou que, se o que cobras (se é que cobras algo) non che alcanza para vivir, peito fóra, sorriso permanente e a perseveranza contra a grandísima argallada, non en forma de demanda do que che corresponde, por dereito ou sequera por humanidade, senón de dentes apertados, que mañá todo será mellor. A idea, pois a fin de contas é inevitable, é a de minimizar as propias necesidades, xuntando a ese estoicismo dubidoso un toque budista un pouco daquela maneira. Prescindir daquilo ó que non se debera ter que renunciar. É postura liberal esta, e porén percíbese en certos activismos que presumen de estar no outro extremo ideolóxico, nos que se anima ás persoas supostamente oprimidas a ficaren soas para así seren libres. Pretenden convencelas para cometeren un erro moi obvio co obxecto de acadar algo utópico.

Parafraseo, sen que valla de autobombo nin tal se pretenda, a unha personaxe miña (tomo a liberdade de mudar o xénero ó substantivo para indicar que é muller): ninguén é libre, nunca. Sempre existirá unha dependencia. E o de ir por libre non acabo de velo recomendable, como xa non o vían en A bola de cristal, lembrades?: “Sólo no puedo; con amigos, sí”. Non hai lei que o prohíba, por descontado, mais é a derradeira alternativa. Andar só podendo andar acompañado é meterse polo río sen saber nadar cando se podería cruzar pola ponte.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s