As cousas vistas desde arriba

middle-ages-58069_960_720

Jordan Peele sabe ben o que cómpre para vender un produto. Recentemente preguntáronlle polo seu criterio á hora de elaborar o elenco para un filme e contestou que non contempla que os papeis principais vaian ser para brancos: “non é que me caian mal os brancos, é que ese filme xa se viu”. Dentro da reacción no virtual e supoño que tamén no “analóxico”, alternáronse os aplausos a discreción (non estou certo de se logo da suficiente reflexión acerca do que se di e tamén do que non se di na frase) cun indignado “Chega a dicir cousa semellante un branco dos negros e…”. Predicible en calquera caso.

Sobre a primeira parte da frase, el saberá. A súa de momento escasa filmografía é unha versión máis técnica e de guión máis sutil do que foi a blaxploitation nos anos 70, un invento das produtoras grandes para que os espectadores de cor tirando á do chocolate, máis de de funk con birra ca de cóctel e gravata, baleiraran os petos nas xanelas dos cines a forza de maniqueísmo de trazo groso e un vestiario tan charramangueiro como poidades imaxinar; en resumo, negros bos e perfectos, brancos malos e/ou estúpidos; nos anos 90, con algo máis de xeito, repetirían a fórmula algunhas canles televisivas con series coma O príncipe de Bel Air. Ten boa base no xénero terrorífico, Peele, aínda que se coñece sen esforzo que a Colección Alfred Hitchcock é a que amosará máis uso no seu andel de deuvedés.

Sobre a segunda metade da frase, “ese filme xa se viu”, penso que se ha de procurar razón de máis peso para facer esas distincións. Todo filme xa se viu: o feito, o que se está a facer e o que se fará. O que fai Peele é unha mestura ben mesurada do que xa se fixo. Mesmo Boris Vian novelizou nos anos 40 unha especie de blaxploit ben máis novidosa en J’Irai cracher sur vos tombes, que tamén foi filme, se ben non moi do seu agrado, creo ter lido. Peele aparenta unha querenza moi marcada por temas coma a inxustiza e a vinganza, que dan para moito se se abarca a paisaxe enteira, como facía o pistoleiro solitario (Clint Eastwood) en Por un puñado de dólares, que subía ver a vila desde a terraza do saloon por ser da opinión de que as cousas vistas desde arriba causan menos impresión, querendo dicir que se entenden mellor. Se a amplitude de miras se reduce a un só cuarto, hai material para pouco. Sobre a inxustiza e sobre todo a vinganza sempre falaron mellor, xa que estamos, algúns spaguetti westerns barateiros, ou mesmo series de televisión para un público moi xeral coma The Walking Dead (aínda que tivo máis interese do que ten hoxe): os primeiros indican que a vinganza só trae máis vinganza, e as segundas, que esta implica un custo ou perda para quen a executa, que adoita ser un cambio brutal e irreversible na súa persoa. Nunca se sae da vinganza igual que se entrou.

A Peele, e a calquera, aconsellaríalle subir á terraza do saloon, por moi confortable que resulte estar preto do chan e sempre no mesmo lugar (común).

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s