Como se crea un vilán

fairy-tales-1662427_960_720

Onte vin a última entrega ata o momento de Into The Dark, esa serie de longametraxes de formato televisivo de temática de suspense ou terror. Coas series estou a ter unha relación cada vez máis difícil. Moitas das que vexo están a se afastar demasiado do que é o lúdico e o artístico para ofertar ós seus espectadores o que coidan que eles (ou o tempo presente) demandan: mensaxes que cadren coas súas conviccións políticas e/ou morais. Neste caso, viña dunha rea máis ben insufrible de tentativas neste sentido e temía o peor: a continuidade. Mais, ó cabo dos 82 minutos de I’m just fucking with you! (“Que estou de carallada, ho!”), comprobei case con emoción que acababa de asistir ó relato dunha historia; algo que dá unha idea do panorama actual. Mensaxe? Si. Nun segundo plano, atinadamente. O principal era a orixe explicada dun vilán.

Noto que os viláns están empezando a deixar de interesar. Para quen, coma min, escribe historias e (témome) non acaba de ir cos tempos no tocante á diferencia entre arte e propaganda, resultará insólito que esta figura teña quedado, tanto na ficción coma no que chamamos realidade, apenas para apandar cos paus e morrer na fogueira. Como simple instrumento para reafirmación da moral do heroe. Véxoo preocupante no audiovisual, e aínda máis no literario.

O vilán é case sempre un suxeito socialmente ben interesante, ou, xa digo, debera selo. Digo ben interesante por non dicir o máis interesante de todos. Ten máis substancia, pois, se é humano libre de enfermidade mental, é unha especie de Satanás terreal: alguén que empezou sendo dos “bos” ata padecer unha transformación traumática. Na ficción, o motivo desta adoita ser un tanto rebuscado, á procura da tensión dramática; na realidade, adoita ser o máis común do mundo. Con moita frecuencia, son os “bos” os que crean o vilán, e créano mediante o que para eles son nimiedades, e de xeito inconsciente as máis das veces, tan ocupados como están levando unha vida sen carencia grave de ningún tipo para se decataren. Pisa nos sentimentos de alguén un ano seguido e farás un vilán. Non digo novidade. Todo isto é ben sabido, a estas alturas, por calquera psicólogo/sociólogo lacazán. É un discurso que se repite coma o son dunha porta ó se pechar, e aí fica todo. A porta abre e pecha todo o tempo sen que ninguén lle preste atención a ese son.

O vilán de I’m just fucking with you! era o que no argot de internet se chama un troll: alguén que intenta traer a amargura á vida dos demais porque a súa é todo amargura. A quen se escandaliza das súas falcatruadas non lle interesa a súa orixe, talvez porque todo é máis sinxelo así, e talvez porque ese troll non di tanta mentira, con todo: porque sabe que os “bos” non son tan bos.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s