O nariz de Erno

(Isto non é un post sobre política institucional. Magritte.)

Digo ás veces que xa non me sorprendo de nada. Mentira. Os únicos que non se sorprenden xa de nada son os mortos e a min aínda me bagoan os ollos na primavera. Non, aínda me sorprendo de moitas cousas. É o que me conserva a pouca cordura que me queda. Máis abaixo só pode haber non tanto un demente coma (peor) un “resabiado”; gusto desta palabra castelá pola súa exactitude sensorial: soa xusto coma o que se quere representar con ela.

Vén aí o primeiro elo dunha cadea electoral e anda algunha xente escandalizada porque se insinúan pactos que atopan obscenos e innomeables, como diría Lovecraft. A eles tamén lles presta a sorpresa coma a min, se ben o seu pelello finiño lles trae complicacións. Non conciben que alguén co seu nome nunha papeleta conciba a idea de dar as mans con quen eles coidan o Maligno só para evitar que un terceiro nome nunha papeleta resulte gañador. Por desgracia, nada disto me sorprende. A razón que os guía a todos disque é libre, e con certeza antiga: o medo.

En Sleeper (título castelán El dormilón), a distopía setenteira e coñona de Woody Allen, un grupo revolucionario pretende derrocar ó Amado Líder. Deste home misterioso non resta, logo dun atentado cun noventa e moitos por cento de efectividade, máis có seu nariz, mantido con vida artificialmente. O grupo pretende roubar e destruír ese nariz. O personaxe de Allen, un inadaptado que acordou dunha crioxenización, vese encerellado na loita ó militar no bando rebelde por amor; compite polo de Diane Keaton co líder revolucionario, Erno (ese actor algo inquietante, Michael Beck). Pero el non cre na revolución, e así llo explica á súa amada, tocando o tema dunha posible vitoria revolucionaria: “Dentro de seis meses teriamos que roubar o nariz de Erno!”

Velaí o que ceba o medo: a enteira ou case enteira certeza, non de que “todos son iguais” nin simplezas así, senón de que o ser humano é quen do peor, como sempre foi, novidade ningunha, e agora presenta tal tendencia de xeito masivo.

Eu disto non me sorprendo. Si de todo o demais.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s