Liberdade literaria (ou como se lle chame)

architecture-1869398_960_720

A última presentación dun libro na que estiven foi algo moi obvio. Acudira porque era un coñecido o que presentaba. Digo que foi algo moi obvio porque me decatei, desde o segundo catro de ter sentado á outra banda do corredor aberto entre o grupo de cadeiras, contra o fondo como teño por costume, de que o 99% dos poucos asistentes, descontados os empregados da libraría, presentes a fin de documentar o evento (como hai quen di, en tradución non de todo correcta do inglés) e de quen escribe, eran claque. A claque era un elemento do espectáculo teatral doutros tempos: un grupo de persoas contratadas para facer de público entusiasta coa función. Esta claque dubido que tivera cobrado en euros; a súa obriga era familiar e máis nada. Fiquei alí, pois, no meu curruncho, vendo como se miraban uns ós outros dese xeito inconfundible conforme avanzaba o protagonista nas súas explicacións sobre o que era a súa obra, que poden chegar a ser as explicacións máis encerelladas do mundo: “A ver ho, que alguén lle pregunte ó rapaz calquera cousa, polo menos para facer coma se tal”. E preguntaban e todo, coa escasa decisión que se pode imaxinar. Sorrían continuamente, con certa vergonza, coma se estiveran todos coas mudas ó aire.

Non me custou aquela tardiña sentirme un intruso, ó non ser parente nin sequera remoto, nin rexeitar con cortesía o aínda máis cortes ofrecemento de irlle tomar unha despois. Nin lembrar por que apenas ía a nada minimamente semellante a un acto cultural, se non fora imprescindible a miña presencia. Non adoito facer máis excepción cá dita, en parte porque son máis ben aburridiños e en parte porque tampouco lles atopei nunca máis utilidade. Seguramente estea errado e resulte que me estou a perder demasiado. Na serie Sobrenatural, ó Ceo só se pode acceder por unha porta camuflada no areeiro da zona de xogos dun parque, gardada por anxos con aparencia de vagabundos e xubilados. Será, talvez, que nunca dei co areeiro que garda a porta á Vida Social Literaria. Eu que sei.

Os que me coñecen un pouco non ignoran que a que conduce a min carece de pechadura. Poida que non me faga notar, pero escoito sempre, e mesmo acepto. O malo é que nunca semella dabondo. Unha vez, os promotores en horas libres dunha web de contido cultural pedíronme consello para mirar de profesionalizala. Querían unha reunión presencial. Eu díxenlles que, se era ese o atranco, a solución ben llela podía pasar por correo electrónico: pedir un crédito a Abanca. Díxeno coa mellor intención, aínda que coido que apreciaron rudeza nas miñas palabras. Ás veces coñéceseme a orixe: para o importante, deixo aparte a cerimonia. Ten mala reputación no gremio, esta actitude.

Ou será que o que procuro, sen ser eu consciente de procurala, é a liberdade. Sería ben contraditorio. Non existe a liberdade mentres todo ser humano dependa de algo ou de alguén, como xa expliquei por aquí algunha vez. E todos dependemos. Así que se trata dunha busca imposible.

O sistema literario galego é coma algúns fillos: manda carallo co que hai que facer ás veces por non chimpalos da casa.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s