O que talvez non se ve Nesa Serie Tan Famosa

Seique rematou Esa Serie Televisiva Tan Famosa, así que confío en que non vos hei facer spoiler se falo aquí do episodio final. Non vin nin o primeiro. A súa sona é inmellorable, polo que teño entendido, ata o punto de merecer loas (comedidas, naturalmente) de alguén tan desencantado co rumbo do mundo actual coma Javier Marías. Para que vexades. E así e todo non che me chista. Un amigo meu si que a viu enteiriña agás o derradeiro capítulo. O único que se me ocorreu preguntarlle foi que como fora que non lle dera unha embolia. Talvez estea eu influenciado na miña falta de interese pola miña querenza polos planos sinxelos, non só na ficción literaria: paréceme de libro que unha serie televisiva que procure resultar atractiva debe ter a súa trama centrada nuns poucos e ben definidos personaxes. Nesta serie, se non estou mal informado, hai máis entradas e saídas ca na Colmena de Cela e na T-4 de Barajas a tarde seguinte ó inicio das vacacións de verán na Administración Pública xuntas. E nomes impronunciables, a presadas.

Sexa como for: nos medios de comunicación, que dan a este episodio final unha cobertura non de todo explicable, a tendencia é non sei se dicir crear ou insistir na perspectiva de xénero arredor da Emilia dos dragóns (non lle escribiría ben o nome de memoria e dáme preguiza procuralo no Google) e mailo Jon Neve. Polo visto, á Emilia fixéronlle unha boa argallada: negáronlle a coroa do reino á que seica tiña máis dereito ca ninguén e déronlla a un señor, que como está de moda pensar de case todo señor, nin un grolo de auga merecería. Non sei se lin mal, pero iso entendín.

Despois resulta que a Emilia perdeu os tentos de moi mala maneira, púxose asasina perdida, imaxino que se botou dacabalo dun dragón e aquilo foi unha merenda de negros. Foi así?

Se foi así: pode que moita xente non se decate do detalle, mais eu vexo intranscendente o tema do xénero comparado con outro. Ata entón, semellaba idea cabal que a Emilia era a máis axeitada para gobernar o reino. De non ter sucedido aquela argallada, ela tería sido coroada. A mesma que, logo da inxustiza maior, se tornou unha Shiva loura de tintura e desencadeou o inferno na terra. Cabe preguntarse que clase de raíña tería dado cabeza de equilibrio tan precario, digo eu. Porque cumpriu unha viraxe dramática dos acontecementos para saber que o equilibrio era tan precario, de certo.

Conclusións: O exercicio do poder require unha capacidade, polo común ó alcance de poucos. A consciencia da condición de vítima pode desencadear atrocidades, xustificadas a ollos de quen as perpetra.

Ou igual miro de máis e todo ía de nenos e nenas, eu que sei.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s