A tentación de ser un repunante

old-balance-beam-scale

Foto: Linnaea Mallette

Unha vez, falando sobre discriminación racial, oínlle a certa señora insistir na súa oposición total a aquela, e de seguido engadir, coma para reafirmar os seus argumentos, nun ton entre tenro e extasiado, que “os negros” eran “superiores a nós”. Estabamos mirando, creo, un documental deportivo. Eu deixei caer un exemplo que coidei que lle resultaría esclarecedor. Díxose hai xa ben tempo que os corpos dos individuos de raza branca e raza negra presentan certas diferencias relevantes no tocante á potencia muscular. Os corpos negros están deseñados para tirar un mellor rendemento da de explosión, de aí que sexa común ver moito africano ou afroamericano entre os mellores corredores; os corpos brancos, pola contra, ó seren máis liviáns na auga por cuestión de volume ou algo semellante, son máis axeitados para a natación, o que explica que case todos os mellores nadadores sexan de raza branca. Non lembro onde lin isto e non descartaría que hoxe estea refutado cientificamente; daquela era así. A señora á que llo expliquei puxo decontado cara de comer limóns e chamoume racista. Só engadirei que era de nivel cultural máis ben baixo e sen ideoloxía de seu: limitábase a repetir o que lía a outros nas revistas ou na televisión. Tiven a impresión de que a súa posición neste asunto das diferencias raciais e en case todo obedecía ó que coidaba que era correcto ou estaba de moda opinar, do xeito no que ela o interpretaba, claro.

Xente así non resulta nada infrecuente. Un grupo máis ou menos reducido de seres razoables pode establecer as bases teóricas dun movemento de cambio dos mecanismos sociais ou dos procesos democráticos ou do obxectivo maior que se queira, que os que realizarán ou non ese cambio de xeito efectivo serán persoas coma esta, que pensan, así polas boas, que alguén é superior, ou heroico, ou como mínimo singular, polo feito de ter padecido unha inxustiza, ou coma esoutras que, no que tamén podería ser iso que chaman un invent, decidiron facer a revolución á súa maneira.

Ás veces, cando oio ou leo alguén cantar en plural as bondades do seu xénero, sexualidade, nacionalidade e demais, aínda que sexa polo que entenden coma unha causa xusta, canto eu as maldades dos ídem de ídem. É por botar cinza no lume. Por equilibrar a báscula. Ignoro por que o fago, pois sei que é completamente inútil. Era o que pretendía Canute, aquel rei inglés de lenda que un día se meteu no mar coa espada na man para lles amosar ós seus súbditos que non era quen de facer retroceder a auga porque non era máis poderoso ca Deus, contra o que eles coidaban. Pode ser que me preocupe o ben da humanidade e queira evitar tantos damnificados como sexa posible. Ou se cadra é simplemente a tentación de ser un repunante.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s