Mundo futuro

terror-attack-349913_960_720

Publicado en Letraenobras.com o 2 de decembro de 2011. Penso que foi o meu primeiro artigo alí. Conserva toda a súa vixencia.

Manuel Lourenzo González gañou o Blanco Amor deste ano cunha novela da que agora mesmo nada sei aparte do que din os comunicados de prensa. Chámame a atención algo que o xurado destaca dela. Entre outros argumentos, por unha banda afírmase que “o mundo futuro no que transcorre resulta sólido e sen estridencias”; pola outra, destácase “a credibilidade do futuro no que nos sitúa” (El Progreso, EFE, Santiago).

De momento, intento facerme unha idea xeral. Como se indica tamén que “a obra se ocupa dos problemas da identidade e do sentido da vida que son manexados de maneira eficaz” (sic), espero que sexa unha versión de Mad Max pasada polo filtro dos Monty Phyton. Os xurados dos premios literarios, aquí ou acolá, a cada punto teñen o gusto máis escarallado. Cómpre unha excepción para que a esperanza manteña abertas as copisterías.

Ó que ía: A primeira das citas resulta, sen embargo, paradoxal. Non concibo hoxe, e penso que mañá tampouco, un mundo futuro “sólido e sen estridencias”. Teño por aí unha novela inédita e futurista, rematada hai xa uns anos, cando tal ambientación aínda non volvera estar de moda logo dos anos 90 de Ramón Caride. Nela, o mundo é máis duro, a miúdo surrealista, cruel dun xeito ou doutro. Coido que fun coherente.

E é que algo importante falla aquí e hoxe, desde Moody’s e outros lobos gardando o rabaño ata esas mulleres que afirman gustar de homes sensibles antes, durante ou despois de compartir lavadora e leito con sucesivos clons de Manuel Fraga, pasando polos ecoloxistas, eses fulanos que levan décadas predicindo o futuro sen que ninguén lles faga caso xamais. A lista de exemplos sería longa de máis para este oco. A cuestión é que este mundo actual, no hemisferio norte do planeta polo menos, é claramente ilóxico. Coma sempre, quizais. Só que agora se percibe un proceso de barbarización progresiva. A influencia da tecnoloxía na vida cotiá é directamente proporcional ó abandono do racional. Curioso, mais acho que certo. É o tempo da visceralidade. Aquí, a xente é positiva: confía a solución dos seus problemas a un ente indeterminado. “Prohibido anoxarse”, hai escrito nun taboleiro nunha pizzería lucense. Vive feliz. Todo rematará por arranxarse dalgunha maneira. Se a nave, inundada polas fendas no casco que a tripulación, no seu positivismo, non se molestou en cubrir, non afunde antes.

Por todo o anterior, e porque non vexo que o proceso de deterioro aminore, un mundo futuro “sólido e sen estridencias” antóllaseme directamente inverosímil. Xa que logo, unha idea semellante supón xusto o contrario: o absurdo.

Un comentario en “Mundo futuro

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s