Ti tamén es ‘incel’

Ten o seu chiste o asunto dos “incels”. Para os que, coma min polo común, non entendades os argots da rede, explicar que un incel é, seica, unha persoa, normalmente varón e hetero, que está sen parella por causa allea á súa vontade (a palabra sería unha contracción da expresión inglesa equivalente) e que se dedica a culpar da súa situación ó xénero feminino no ciberespazo. Por poñer un exemplo, sería incel o mozo resentido coas mozas que, entende, desprezan a súa amabilidade e intelixencia e prefiren meter entre as pernas un brutamontes malote. Diríase, malia que non estou certo, que o de “parella” é en certos suxeitos coma a palabra amor en boca de Barry White: un eufemismo de algo ben máis carnal.

Digo que ten o seu chiste porque, como é natural na rede e cada vez máis fóra dela, esta xente creou sen querer unha comunidade bastante ampla de “odiadores” mediante o acto de dicir o que lles sae das tripas. O odio xérase así moitas veces: sen facer o que se di nada. E aquí é onde se dá a mecánica da indignación e os extremos: un crea o oposto. Se os incels coidan que a culpa sempre é das mulleres, os seus odiadores coidan que a culpa é sempre dos propios incels. Non falla. O que se estila hoxe é que, se resulta que metemos no cárcere un inocente, o supostamente razoable é abrir as portas e que saian todos os que alí están. E ó carallo.

Nin incels nin anti-incels reparan naquilo que fai imposible, ou polo menos nada recomendable, establecer verdades absolutas acerca da humanidade: a súa arbitrariedade, tremenda e tantas veces cruel. Un ser humano mata animais ou outros humanos porque non gusta do seu aspecto e elixe presidentes porque lle son simpáticos. Un ser humano fai o que non fai animal ningún: ir na procura do que sabe que lle fará mal. O seu criterio dista, pois, de ser infalible e coherente en calquera caso. (Sobre este tema en particular, e cando van aló 50 anos da primeira alunizaxe, contaba Walter Cunningham, membro da misión Apollo 7, que as mulleres toleaban polos astronautas, sen saber máis nada deles ca iso. Porque eran gloriosos a ollos do pobo, talvez. Que é un motivo do máis ridículo para desexar a ninguén, pero en fin.)

Tampouco me acaba de chistar esa afirmación tan típica dos anti-incels de que “se estás como estás, non é culpa do resto do mundo, senón túa”. Non me chista que a quen procura afecto ou sexo se lle fale con simplismos socioeconómicos, por moi aceptados como verdade que estean para moitos. Non é certo que, por norma, unha persoa pase privacións ou non teña alcanzado o seu obxectivo vital porque non teña feito dabondo para iso, e non é certo que un individuo sexa invulnerable, por norma, á subxectividade do resto.

Para rematar, e por se volo preguntabades, o título só se refire ó contido en parte, mais vin axeitado poñer un ladrillo para erguer esa casa: toda persoa soa é incel porque ninguén con sentidiño pode vivir nunha soidade voluntaria. Outro conto é atopar á persoa desexable e que esa persoa te desexe. Un cubo de Rubik con frecuencia irresoluble.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s