O que me daba Michael Knight

high-plains-183520_960_720

Reflexión logo de tragar un filme de Netflix bastante predicible, cun elenco que parecía unha asemblea das Nacións Unidas. Tal diversidade tería sido ben interesante se fora uniforme. Non era o caso: os malos eran brancos, e varóns case todos.

Se quixera dar unha frase que valera coma titular dunha entrevista desenfadada e moi improbable a min mesmo desas típicas das páxinas do xornal en época estival, diría que fun un neno lucense algo americanizado. A cultura popular audiovisual que me entrou polos ollos estaba feita, nunha porcentaxe bastante elevada, entre Nova York e Los Ángeles, California. Non son, nisto, tan diferente de moitos outros galegos da miña idade aproximada. Acabou por coller relativa fama aquela frase da Dallas emitida na TVG, “Estás bébeda, Sue Ellen” (lembrades?). As caras que enchían as miñas horas mortas eran as do Doutor Who (británico este, excepción agradecida), as de David Hasselhoff coma Michael Knight, e mailas mangas arremangadas da chaqueta de Don Johnson e a xoiería portátil de Míster T, e máis un actor para min descoñecido ata entón facendo do tolambrón de Han Solo e dun inverosímil profesor aventureiro de alcume ridículo, e Charles Bronson a darlle pasaporte a calquera que deixara de lado as boas maneiras, e o traxe charramangueiro con ombreiras anchas co que entra Corey Haim na tenda de comics en Jóvenes ocultos. Por tirar unhas bolas da urna ó chou.

Ningún daqueles personaxes tiña a menor semellanza comigo nin co que me rodeaba. As súas historias nada tiñan que ver coa miña vida. As estradas soleadas polas que corría K.I.T.T. pouco tiñan que ver cos solares decorados con valados publicitarios de pintura que eu vía cada vez que botaba un pé fóra da miña casa, en absoluto semellante a un apartamento de Queens nin a un chalé entre os outeiros, nas aforas de San Francisco, coma os que se vían en Harry O Forte, nun dos cales perpetraba unha matanza demasiado espectacular un policía de tráfico xusticieiro.

Mal podería eu identificarme con ningunha daquelas facianas. Pero tanto me tiña, e tanto me ten. Eu sabía moi ben que xamais sería Michael Knight nin Harrison Ford, nin falta que me facía. Non tiñan por que ser do meu mesmo sexo, nin color, nin sequera falar o meu idioma. Non minguaría nin desaparecería o meu interese porque non tiveran os ollos claros nin foran de arrabaldo lucense; seríame igual que tiveran o ollar tan negro de Lee Van Cleef e se moveran por Beverly Hills. Érame igual.

O que me atraía do que me ofrecían era algo ben máis sinxelo e nada simple: dábanme beleza. Volvían máis dignos de ser vividos os meus días. Polo demais, ben me decataba eu, que algo fato era mais tanto non, de que todo era mentira.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s