Pulp e repolos

fish-3131005_960_720.-Sarah Richter

Foto: Sarah Richter

Hai pouco, Xosé Duncan tivo a ocorrencia de coller unha presa de exemplares da súa novela Negruña e ofertalos como agasallo nas redes sociais, con entrega a domicilio e autógrafo inclusive. Eu mesmo lle fixen promoción no meu Twitter, se ben preferín non pedir ningún; desde que escribo coma profesional (ha ha), leo moito menos, por moitas razóns pero sobre todo pola de me manter libre de influencias externas en todo o posible, e máis cando podo atopar no lido máis dunha afinidade co que eu escribo. A idea lembroume, tamén, con algo de melancolía, aínda que dubido que fose a intención de Duncan, á deses agricultores que protestan contra os prezos de miseria que lles pagan polas colleitas poñéndose no medio dunha praza e dando de balde repolos ós curiosos que se achegan.

Nunha recensión da novela en Biosbardia, xurdía a pregunta de se é verdadeiramente necesario escribir novela pulp tendo, como temos, o cinema e as series de televisión hoxe. Non me acabou de quedar claro o parecer de César Lorenzo Gil, aparte de que non sei se en literatura haxa algo que poida chamarse “necesario” en verdade. Direi que hai que ter presente unha diferencia básica entre o que é a intención (máis ca subxénero) da novela barata e o audiovisual. O guión de L. Sprague de Camp para Conan O Bárbaro, o filme de John Milius, era moi fiel ós relatos de R. E. Howard: rezumaba sangue e entrañas. Naturalmente, houbo que revisalo, e o que se ve na montaxe final é moito máis comedido que o que saiu da máquina de escribir. No tocante ás series de televisión, con excepcións coma Preacher, baseada nun cómic, non se propoñen ser pulp ou novela de cordel, senón o que hai cento e tantos anos era o folletín. Ademais, este tipo de producións aspiran a un público amplo e moi diverso. Hoxe, nas series, é moi raro ver que unha muller ou un individuo homosexual ou negro ou todo ó tempo representen o mal, ou que amosen sequera caracteres complexos neste sentido: non se lles permite, por medo a deixalos quedar mal. O varón branco heterosexual queda para ser o saco dos paus e, sen os guionistas o pretenderen, o máis interesante que alí aparece, porque xustamente non hai medo a deixalo quedar mal: valla de exemplo Jackie Rohr en City on a Hill. O pulp non fai estas distincións: todo é máis difuso. Máis humano.

Así que, necesidade de escribir pulp? Para o autor, como mínimo. Necesidade de publicalo? Non hai necesidade de publicar nada. Non hai peticións no Change.org para que se publique nada en absoluto; ninguén reclama os meus inéditos. Pero, polo menos por dar algo que sexa todo o verdadeiro que pode ser un produto artístico, eu, se o tivera, miraría de publicar pulp. Por moito que acabe un dándoos de agasallos coma repolos.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s