O coitelo do xamón ‘cool’

No 1956, o censor Miguel Piernavieja redactaba un informe sobre A Esmorga, de Blanco Amor. Velaquí un fragmento, ou o informe íntegro, non estou certo:

«Burda novela corta, en gallego, en la que se narran las aventuras y desventuras de tres borrachos. En lenguaje a menudo soez, se mezclan los diálogos de estos tristes personajes con escenas de burdel y recuerdos de aventuras. No debe autorizarse.»

O ton non é moi diferente do habitual no gremio. Moitas veces, certo é, ós censores notábaselles unha xenreira soterrada; criticaban coa furia que dá o noxo, a semellanza do heroe que decapita o monstro cando todo sae como nos gusta que saia. Pero eran despectivos por enriba de todo: selo implica sempre unha dose, pequena ou minúscula, de afecto. Sen ter coñecido censor ningún, quero pensar que os que tomaban o seu labor coma unha misión e non coma unha xustificación dos seus salarios, o facían desde o paternalismo e non desde o odio verdadeiro.

Hoxe, en certas webs de crítica literaria, poden atoparse recensións considerablemente máis contundentes ca estas liñas cheas de grallas estampadas a máquina de escribir en papel amarelecido. Estoutros informes de censura disimulados van con frecuencia alén do lene sentimento de superioridade por (unha suposta) meirande amplitude mental. Léndoos, un imaxina as súas redactoras coa folla dun coitelo do xamón entre os dentes e os ollos coma candeas, inflamadas pola paixón que supón o convencemento de estar a mudar o mundo sen escatimar esforzo e sen importar o método.

O que nunca fan de xeito explícito e coincidir na derradeira frase. O autoritarismo é hoxe de ar desenfadado. Pódense ceibar babecadas gordas coma cabazos contra a obra ou mesmo contra a persoa; obviar o enfoque profesional; condicionar a aprobación do que se xulga á moral que se supón que amosa. O inadmisible é parecer un incitador á lapidación deses que poñen tres bandeiras españolas e catro de Tabarnia no perfil do Twitter. Hai que incitar á lapidación, si, mais sen que se perciba o fel a abrollar da boca. Cómpre parecer ben cool. O factor cool confire irrebatibilidade ós propios argumentos, sexan cales sexan.

Miguel Piernavieja, con case toda certeza, tiña un nome moi acaído para a súa persoa e carecía dun gusto litetario sequera aceptable. Mais non creo equivocarme se aventuro que, de ter vivido hoxe, poñería no perfil do Twitter sete bandeiras do aguilucho. Se non cabal, cando menos honesto. Que, se non de loar, é de agradecer.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s