A única concesión romántica do home de negro

still-life-851297_960_720

Foto: Larisa Mozgovaya

Un home a quen coñecín hai tempo contoume unha vez que a súa experiencia persoal no tocante á apertura sentimental con mulleres fora máis ben perralleira. Disto haberá como dezasete ou dezaoito anos, e porén non esquecín o moito que me sorprendera estoutra apertura súa comigo. Era un home grande, con certa traza de duro. Fora xogador de baloncesto, sempre vestía de negro, fumaba seguido e tiña o andar pesado; faltáballe o abrigo longo de coiro para lle imitar ó seu propio personaxe. Era desa clase de persoas que, polo que contan, viviron moito. Sempre tiña no bico da lingua un retallo dunha desas noites de mocidade de irse deitar sen saber moi ben canda quen non ben as tardes tiraban a pachorrentas. Trateino durante uns poucos meses. Nunca fixo máis concesión ó romanticismo ca aquela.

O problema insistente que este home tivera fora que, cada vez que lle confesara a unha muller o moito que a quería, ela arredárase. Tal revelación metíalle invariablemente o medo no corpo á afortunada, supoño que por lle facer pensar nun compromiso máis serio, que adoita representar tamén unha renuncia a certas cousas que (malia que antes talvez non se percibiran así) tiña por valiosas, e pola consciencia de que o habitual é que os zapatos que lle turraban polos ollos amosen as costuras ruíns unha vez comprados. Ela sabía que é ben doado falar de pillar a lebre coas mans mentres a fame non aperta de firme.

Sexa como for, o home de negro nunca tivera sorte. Deducín, xuntando un anaco aquí e outro alá nas conversas da pausa do café, que desistira. Agora andaba polas noites de ‘voitre’ sen disimulo ningún, coma naquela cancionciña hillbilly que soa en Na calor da noite antes da rolda nocturna de Sam Wood, Fowl Owl On The Prowl. Segundo a súa teoría, atrevida polo menos, unha muller que aceptara un voitre sabendo que o era tiña que pagar a pena con toda certeza. Sobre a razón do cambio de conduta del, digo eu que acharía máis axeitado mudar de método: se ser o poli bo non dá resultado, ser o poli malo. Ou poida que só aceptara o que non tiña solución, sen máis.

Ignoro se deu atopado unha amiga dos voitres. Logo daquel tempo, non o volvín ver máis ca unha vez. El cruzaba a Rúa do Teatro e eu ía cara Santo Domingo. Non me viu ou simulou con educación non recoñecerme. Eu tomara a mesma decisión sen pensar. Vese que nos entendiamos máis do que eu sempre coidara.

Téñome lembrado del de cando en vez nestes anos porque, despois daquilo, puiden comprobar que a súa vida sentimental non fora nada extraordinario, moi ó contrario do que a cultura popular e a crenza máis estendida indican. Hai moitos homes de negro e moitas mozas de homes de negro que recúan aterrorizadas ó oír a palabra máxica. Demasiados e demasiadas. O medo é libre, e o fatalismo tamén.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s