Reguetón (literario) no conservatorio

mask-4310721_960_720

Foto: Souvick Ghosh

O outro día fun canda un amigo mirar Joker. Non tiña el dúbida de que lle había prestar: era o primeiro caso de filme aparecido no Filmaffinity que movera ós usuarios autores das cinco ou dez recensións máis útiles a valorala cun 10. Para el, que é minenial, é o que máis conta.

Antes foramos mirar Rambo, por iniciativa súa. Agradecín que non teña morto de todo o cinema de videoclub dos 80, tan entrañable, pois é o que é, en alta definición e con algo de mollo de tomate. O principal non foi o filme en si, inxenuo, maniqueo e efectivo, senón miralo nunha pantalla grande. Andamos a voltas coas series e as canles de pago, mais nisto non hai nada comparable a unha sala de cine. Como adoita sucederme cada vez que vou, de non ser por cortesía cara a compaña e porque nas salas lucenses os solitarios atraen unha atención receosa, tería ficado ata que pecharan. Mirando calquera cousa.

Joker, que é certamente notable, seica está a ser un fenómeno. O espectador pode chegar non sei se a glorificar, mais si a sentir unha simpatía mala de coutar cara un trastornado homicida. Oínlle a algún crítico, non sei se a un tal Vallín, cualificalo como “filme de dereitas”. Argumenta el que Arthur Fleck é coma os Donald Trump da vida, que entenden que o mundo lles debe algo. Témome que os conceptos ideolóxicos do señor estean algo ensarillados. A ideoloxía conservadora, que adoita ir na mesma xugada có capitalismo máis ou menos salvaxe, afirma todo o contrario: que o individuo que se coide acredor do resto da sociedade é un iluso se só esbardalla na rede ou no bar, e un asocial se decide mudar palabras por actos. Choromicar é de esquerdas.

En fin. Non comento nada moi concreto do filme por non vos facer spoiler. Apenas, que ten moito de Taxi Driver, un pouco de French Connection e The Incident (a de Larry Peerce, dos 60) e unha pisquiña de The Killer’s Kiss, de Kubrick. O que o fai extraordinario é que infrinxe unha norma básica do entretemento mercantil: é cento por cento negativo, coma os pensamentos do protagonista, segundo lle comenta á súa asistenta social. Non se dá o contrapunto cómico/romántico, tan típico tanto no cinema coma na literatura, que suavice unha carga tráxica considerable: a única luz na vida de Arthur é produto da súa imaxinación. Este filme, segundo a lóxica máis elemental, non debera durar unha semana en exhibición. Agora dinnos que o seu éxito se debe ás turbulencias do tempo presente, mais a realidade é que o resto de oferta audiovisual para consumo masivo vai con moito coidado de non se botar ó monte.

Estas reaccións, para as que esta época é (din) idónea, non se dan tampouco na literatura actual máis visible. Moi ó contrario, segue a preferirse, din as vendas e din as críticas, que o bo sexa bo e o malo sexa malo: que haxa un bo e que haxa un malo, e se non un final feliz, motivo para o sorriso. Mirando a cuestión de certo xeito, nota un que a chaqueta vai co de diante cara atrás. Non era o cinema de sala comercial o frívolo, e a literatura o profundo? Logo como é que un filme que nin sequera é “de autor”, que custou 55 millóns de dólares e recadou 96 na súa primeira fin de semana en carteleira segundo o IMDB, afonda máis no lado escuro da alma ca moitas novelas tanto das “minoritarias” que medran a forza do boca-orella coma das premiadas en certames que inclúen cerimonia de entrega con cea elegante? Non era a literatura a irmá sen pelos na lingua que dicía todo o que o cinema non podía, polas súas circunstancias particulares?

Ben sei, ben: están os formatos, e as oportunidades e, sobre todo, a demografía, e máis cousas. Sei que este filme non é ningún modelo, e si apenas unha excepción. A cuestión non é esa. A cuestión non é que un carneiro se teña sentado sobre as patas traseiras, coas dianteiras derriba das teclas dun piano e encetado a Gymnopédie numéro 1 de Satie, senón por que carallo no Conservatorio están todos tocando reguetón mentres.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s