Martes y 13 e mailas ditabrandas

reiter-1899762_960_720

Aló polo sexto ou sétimo curso da EXB, tiña eu unha profesora de Sociais que contaba que o réxime franquista fora, non unha ditadura, ó contrario do que talvez outros afirmasen, senón unha ditabranda. Lembreino cando vin onte, non sei en que canle de televisión, a Francis Franco repetir esta teoría perante miles ou millóns de espectadores. Deste último, coma de máis dun deses señores moi de dereitas que semellan levar aínda no peto interior da chaqueta o librillo de papel de fumar, gustei da súa forma de se expresar, un algo señorial e dunha precisión infrecuente hoxe, mesmo entre xente dunha instrución que se supón elevada; só prendeu na lingua ó pronunciar “acreditaciones”, ó explicar como as del e familia eran azuis mentres que as dos malvados (non espetou cualificativo ningún, pero o seu ton daba a entendelo) representantes do Goberno eran vermellas.

Daquela, no colexio, eu atendía a asuntos ben diferentes da historia do país. Non tiña máis idea (seria) do que fora o franquismo cás chanzas a conta do cu supostamente branco do Caudillo, lavado con Ariel. Mais xa entón me decatei de que a palabra “ditabranda” era unha anomalía. Non porque sexa como pouco atrevido chamar ditadura light a un réxime no que as dependencias da Brigada Político-Social se volvían unha sorte de combate de artes marciais mixtas en desvantaxe non ben os grises lle botaban a man a un disidente na rúa, que o é, senón pola mesma lingüística. Era unha brincadeira, coma as de Martes y 13 cando dicían aquilo de “El príncipe de Bequeler debe-queler estar con la princesa”. Non deixaba de sorprenderme a solemnidade coa que a profesora a pronunciaba, e que non se escarallara coa risa no intre seguinte. Eu, cando menos, que tiña xa o vicio de andar a voltas cos sons verbais, atopábaa ben ridícula.

Había ben anos que non a oía, ata onte, na boca do señor Franco. Un coida defuntas certas palabras, e algunhas morren por falta de uso, de feito, ou (algo moi actual) proscritas por delito de anacronismo. E hai outras que non morren, e se cadra son estas as que deberan, e non as outras.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s