Máis ogros literarios, menos vendedores

vintage-1823436_960_720

Disque durante os primeiros contactos entre o elenco dunha daquelas series coa que os da miña quinta tomabamos o colacao con sopas, O Equipo A, Dwight Schultz presentouse a George Peppard máis ou menos deste xeito: “Son Dwight Schultz e preséntome amigablemente”, nunha fórmula moi anglosaxona. “Pois eu Son George Peppard e non son nada amigable”, foi a resposta. Era sincero. Peppard tiña entre os seus colegas unha sona moi notoria de cabrón. Non era o único. Outro George, Saunders este, mesmo recoñecía con toda naturalidade ser un ogro. Isto, lonxe de lles causar calquera prexuízo laboral (o aspecto persoal era outro conto; Aldo Ray, quen debía ser bastante intratable tamén, laiábase de que o seu meirande problema eran as presadas de cartos que se lle ían polo sumidoiro a forza de divorcios), non lles impediría atopar papeis con regularidade dabondo para completar carreiras máis ou menos frutíferas.

Igual ten sucedido no mundo literario. Por poñer un exemplo actual, Michel Houellebecq, para non sermos novidosos, é, fóra do estritamente literario, pouco máis ca un francotirador contra todo o que se move, máis aínda ca eses dous célebres amigos do ciberespazo, Javier Marías e Pérez Reverte, tan famosos por odiar case calquera elemento dos que compoñen o mundo hoxe. Ningún destes tres atopa demasiados atrancos para dar a valer o seu nome na xungla dos que non foron chamados por ninguén. Poderían decidir retirarse da vida social mañá mesmo, trasladar a súa residencia á cela dun mosteiro, para alegría dos seus haters, por certo, e non botar nunca máis o pé fóra del. Enviarían os seus escritos por mensaxería ó editor, conservarían o seu prestixio, que xa agora non é pequeno, e mailo seu sustento.

Son excepcións cada vez menos frecuentes. En materia de imaxe pública do artista de aquí, o presente é o tempo do sorriso permanente, se non de boa gana, por obriga. Un nótao a pouco que presta unha mínima atención ás campañas promocionais de todo tipo de produto literario, poderosas e modestas, presenciais ou a golpe de mensaxe electrónica ou mixtas, dun conto para escolares de Primaria ou dunha novela supostamente negra (que ó final case nunca o é). O autor semella seguir o procedemento ditado polo manual, que aconsellaría unha xovialidade estándar, exenta de todo detalle persoal que poida resultar excesivo, máis aló dalgunha brincadeira ou meme particular. Un comprende en certa maneira este coidado na moderación cando se trata de chegar a persoas coas que non se ten confianza dabondo para se arriscar a tensar de máis a corda. E por contra, ó tempo considero o meu propio aburrimento á hora de tratar de conectar coa actualidade cultural da terriña, inevitable para quen se mete no cine sabendo que vai mirar trinta e seis veces o mesmo filme coa única diferencia dos nomes nos créditos. O aburrimento sempre pesa máis. Estamos nun momento no que toda sorpresa, por pouco familiar e mesmo mala de asimilar que poida resultar en principio, debera ser celebrada.

Debera e non é. Esta comedia non é coma a da Arte, na que, por exemplo, había un Pícaro, un Bufón e un Vilán. Aquí hai un cento que son todos o mesmo. Usando unha expresión tan ianqui coma a da presentación de Schultz, todos son un vendedor de coches usados.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s