(A)normalidade literaria

apple-3636023_960_720

Foto: Manfred Richter

É cada vez máis doado ser tomado por un tolo perigoso na sociedade actual. Os medios de comunicación fan moito por que así sexa, identificando un perfil determinado de comportamento con ideas homicidas (en poucas palabras, toda persoa calada e solitaria é susceptible de acabar por abrir alguén en canal), e non pouco a propia mentalidade de moita xente, que pola educación (non) recibida tende a desconfiar da discreción e da cortesía. A min, que adoito escoitar máis ca falar e, cando falo, o meu sentido do humor é entendido coma de sete estralos, tamén me ten sucedido. Neses días, se me colle de bo xenio, e por ver a cara que pon o outro, atraveso a raia: fago o que el coida que é un psicópata. Abonda con observar toda situación de xeito estritamente racional, non deixar ir as cordas vogais por enriba da media voz e non interromper nunca ó teu interlocutor. Probade. Unha fisonomía rochosa coma a miña, sen ser imprescindible, axuda, iso si.

Hai hoxe preto dun ano que falei da óptica paradoxal desde a que Emma Pedreira novelizaba os crimes de Romasanta, e algo máis tempo, da inverosimilitude da conduta das prostitutas de certa serie televisiva. Estas ficcións teñen en común a intención inequívoca dos seus autores de lle botar auga ó viño: pretenden expoñer a podremia sen amosar un verme. Na segunda, pode comprenderse ata certo punto: como me dixo, falando diso, un amigo moi de cinema de autor e de pantalóns de pana, o espectador non quere deprimirse; por iso, talvez, no cinema español se anuncia case cada novo filme sobre a Guerra Civil/posguerra coma O Filme Definitivo, e ó cabo non deixa de ser o enésimo melodrama con rosas sagradas e falanxistas satánicos. Á narrativa, pola contra, era de supoñerlle unhas bombonas de osíxeno con capacidade para inmersións a máis profundidade. Queriamos crer que un escritor que promete falar do Mal sabe o que tal promesa implica e non lle dá reparo ir de cabeza a un río lamacento. Pero aquí prométese novela negra e dáse policial, e prométese amosar as razóns do asasino e dáse un slasher.

Pode deberse a motivos moi variados, este incumprimento. Penso nun, en particular: os bos escritores nunca foron xente normal. Poden ser, e de feito adoitan ser, lonxe de calquera sacralidade, rutineiros e mesmo aburridos. Pero non normais, porque teñen que ser quen de mirar moito máis aló que o común das persoas. Cando quen se dedica a isto se ve incapaz de atravesar a raia que eu atraveso xa só por andar de carallada, é moi probable que careza desta anormalidade básica.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s