A teoría da cor gris

wall-175686_960_720

Foto: Takeshi Hirano

Nun capítulo de Castle Rock, esa serie televisiva baseada en elementos da obra de Stephen King, unha Annie Wilkes aínda nova lembra aquel día que, sendo mociña, seu pai lle falou da natureza humana. Seu pai deixara o seu emprego nunha oficina bancaria para se dedicar a escribir novelas polo día, mentres traballaba empaquetando allo polas noites. Sempre parecía suorento e apenas deixaba falar ó seu interlocutor, como fai tanta xente que coida que nada novo lle resta por ver no mundo. Coidei escoitar que a única novela que deu escrito era do Oeste. Un home contracorrente en case todos os sentidos.

Á súa filla dáballe a ler o que ía escribindo e, naturalmente, debía explicarllo. A cativa non comprendía por que o heroe da novela facía cousas que ela vía mesquiñas. El díxolle que as persoas non son nin boas, nin malas. Por fortuna e (supoño) bo gusto, non empregou ese símil cromático tan frecuente hoxe, do que mesmo eu teño botado lingua algunha vez, acerca dos brancos, dos negros e da escala de grises. Ela atopou tal idea dunha obscenidade maiúscula, que acaso non quixo facer explícita por non contrarialo a el, xa contrariado dabondo o día enteiro por unha esposa de mentalidade pétrea e demasiado apegada ó material e mundano para comprender por que el se arriscaba por algo para ela insignificante.

Podemos engadir que, xa daquela, malia non se daren conta seus pais, Annie Wilkes era unha trastornada mental múltiple con arroutadas psicóticas que nunca rematou de acadar unha certa madurez máis ca en idade física. Os seus esquemas mentais tiñan que ser, por forza, bastante reducidos; nada que ver, poño por caso, co do psicópata tipo, ó que lle adoita suceder todo o contrario. Annie Wilkes coidaba que se unha persoa non é boa, só pode ser mala, ou viceversa.

E un érguese cada día e atopa o mundo cheo de Annie Wilkes. Estoutras Annies non teñen mal na cabeza (non diagnosticado, polo menos), se cadra tampouco unha infancia traumática nin as mans manchadas de sangue desde un tempo no que só as deberan ter manchadas da terra do xardín e da area dos camiños. Pero son coma ela porque teñen unha idea moi precisa da realidade (ou da arte) e, todo o que a contradiga, é malo e debe ignorado se non pode ser silenciado, e silenciado se non pode ser destruido. Coma ela, conducen cara o Lugar da Risa, aquel concepto inventado por papá para a compracer, un refuxio onde non teña que se enfrontar á evidencia de que papá levaba razón.

Despois estamos os que pensamos coma o pai dela. Os que, lonxe de dubidar do atinado da teoría “da cor gris”, nos preguntamos como chegou o bo a ser un pouco cabrón e como o malo tamén soña co seu Lugar da Risa. E ó facer tal, por contraditorio que pareza, as Annie Wilkes acaban tomándonos por tolos.

Los comentarios están cerrados.