O igual e o singular

maasai-2801727_960_720

Unha noite de cea con ex compañeiros de curso, acabamos nun pub, como é costume. Por unha distribución caprichosa, sentamos mozos a un lado da mesa e mozas ó outro, separados por bastante distancia. Foi unha noite silenciosa (para nós, naturalmente; a xente vai ós pubs para non ser quen de oír os propios pensamentos) e máis ben aburrida.

Unha das mozas atribuiríao á separación, por sexos para o caso. Diría que atinaba. Non adoito falar en termos colectivos de algo tan variable como é o comportamento humano, mais algo que teño visto con moita frecuencia é que os grupos ídem homoxéneos resultan máis vulgares, mesmo máis brutais, e decididamente menos interesantes. Dáme a impresión de que, en presencia de individuos distintos por razóns varias, a tendencia humana é á moderación na propia conduta. Non é raro que unha persoa sexa máis accesible inserida entre outras dez moi diferentes entre si ca entre outras dez coas que non terá medo a se desinhibir; tampouco que o sexa aínda máis estando soa e non en compaña, pero ese é outro conto. O ser humano parece ansiar constantemente o momento de deixar de finxir, sobre todo no que atinxe ós defectos. A vida en parella é bo exemplo disto.

Pode ser polo compoñente tribal agochado no inconsciente. Case con toda certeza o é. Coincido con Francis Fukuyama, ese norteamericano de apelido e fisionomía tan nipona, cando avisa, falando de activismos varios a prol da igualdade de dereitos, e poñendo como exemplo o radical negro, aínda que é aplicable a moitos outros que comprenden a necesidade de “cuartos propios”, do risco de pretender ser parte diferenciada dentro dunha mesma sociedade. Sinala ese paradoxo: querer ter igualdade e ser singular ó tempo. De primeiras non se lle atopa nada de malo á idea. Fukuyama refírese ás demandas que tal singularidade implica: en realidade, estánse a reclamar privilexios por razón de distinción. O que empeza coma unha petición de achegamento remata por ser unha orde de afastamento.

A min, malia a miña misantropía a medrar conforme voan as follas do calendario da parede ó balde do lixo, o que me presta é a mestura, a de verdade: que todos senten no mesmo escano. Non máis noites silenciosas.

Los comentarios están cerrados.