Potencia de fogo


Niklas Natt och Dag, falando do mal e da sociedade, non coida que os pobres sexan mellores persoas. Só sucede, explica, que teñen menos cartos, e xa que logo, menos poder. Custa crer que sexa autor supervendas dicindo tal. Pode influír a distancia, a cultural ben máis que a física. Aquí, os fatalistas non adoitan ter boa prensa. En segundo que momentos e lugares e segundo que persoas, dáse que non os queiman coma castañas no magosto unicamente porque está prohibido pola lei. É a desesperación por querer albiscar unha raioliña entre tanto nubeiro de trebón.

Dígoo sabendo do que falo, penso eu: aquí, á hora de falar da clase obreira, moitos escritores fan como di Brett Anderson que facían os cantantes (mozos de barrio fino, os máis deles) do que deron en chamar britpop, que trataban de imitar o acento cockney do sur e leste londinense; a el non o enganaron, a tanto fan e xornalista musical cool, disque si. Para estes escritores, todo era festa: non había un residente de vivenda social que non tivera lido a Lautréamont, non había un que non devolvera caraveis nas mañás de resaca. Xa falei diso unha vez, así que non é cousa de se repetir.

Tamén os movementos máis ou menos revolucionarios de hoxe caen tanto no erro que sinala Natt. Semellan coidar que unha persoa ou colectivo é inofensivo pola simple razón de que non causou mal tanxible, ou que non causou tanto coma outros. Poida que non reparen en que non tivo medio legal e/ou material para causalo, ou que a súa educación foi noutros costumes, quere dicirse, nada que non sexa susceptible de cambio en circunstancias distintas. Semella medirse a calidade humana en función da potencia de fogo dispoñible. Outros temos unha idea do asunto que nos dá calor no cu e arrecendo ás castañas.

Los comentarios están cerrados.