O home da guitarra

teamwork-642633_960_720

O fulano está moitos días na mesma porta da rúa Aguirre, á altura do hipotético fielato. Toca a guitarra mentres o altofalante que ten á beira emite unha música chunda chunda de melodía indistinguible; éxitos latinos (e digo latinos querendo dicir desde Julio Iglesias a Gardel), case seguro. É home tirando a vello, cunha calva da cor do café con leite rodeada dunha presada de cabelos brancos, diría que suramericano, de aceno imperturbable. Non di nada, non canta, só está alí tocando na súa guitarra eléctrica con golpes de man repousados mentres soa o chunda chunda e pasa a xente.

É un guitarrista particularmente malo, sobre todo porque non son notas o que abrollan do rozar dos seus dedos nas cordas. Limítase a arrincar delas, por contra, sons sinxelos, como faría se fora un actor e aquilo a filmación dunha escena; creo que nin sequera varía a posición da súa man esquerda no mastro, ou, polo menos, sempre lle vexo os dedos pousados nel á mesma altura. Lembra a Jack Nicholson en Psych Out!, onde interpreta o cantante dunha banda de rock ácido e móvese no escenario dun xeito semellante, quitando que Nicholson fai coma se a guitarra fora un bebé chorón e el tratara de calmalo. Os sons da guitarra do home da porta da muralla non teñen relación ningunha coa música do altofalante: son lúgubres, ó abusar dos graves, e algo distorsionados. O que penso cada vez que teño que pasar por diante del é que lle viría ben usar o slide, ese cilindro que se coloca nun dos dedos que van ó mastro, para que ó pisar a corda o son resulte «estalicado» no aire; Ry Cooder faino moi ben. Nunca llo digo.

Este fulano fáiseme intrigante. Dubido que teña tan mal oído como para se coidar un bo músico. Logo debe haber nese ar indiferente, ou diría mellor impermeable, unha especie de forza de ánimo insólita, non de todo terrenal. A idea cáusame certa vergonza nesas mañás nas que me ergo sen ansia de case nada. A teoría di que, se el pode, calquera pode. Desafortunadamente, a realidade oferta un reparto da maxia ben máis irregular.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s