A semente do mexacán

dandelion-4222684_1280

Foto: HeungSoon

Chamádelle conavirus. Non é unha orde porque non teño autoridade para dalas. É unha suxestión ben enfática, logo. Eu, polo menos, fágoo. E chanzas mil sobre bunkers e futuros post-apocalípticos. Que ben sei que nesta época de sentimentalismo de postureo no sitio de sentimento verdadeiro o sentido do humor se confunde moito coa falta de humanidade, nun paradoxo grande coma un deserto cando alí ficaches abandonado sen gota de auga e un lisco salgado. A xente que, desde que se soubo que estaba o bicho en camiño cara acó, me saturou o Whatsapp con informacións ó minuto sobre a magnitude da seica certa desfeita, fíxoo perante a dúbida de se era eu inconsciente ou insensible a aquela, ó comezo, para concluir que son metade e metade. Iso pensan eles, por moito que se lles queira explicar o contrario.

Confeso que me dá unha pena enorme ver as cidades baleiras, e que varias veces ó día teño gana de saír cun libro no peto e sentar nos mesmos bares que sei moi ben que a esa hora, a mesma á que adoitaba saír (a propósito, que nunca gustei da multitude) antes desta novidade indesexada, estarían case baleiros de seguiren abertos. O illamento aínda ó aire libre non me sería complicado, porque case vivo nel por defecto. Con todo, facemos o que haxa que facer malia saber que non valerá de moito: cortamos un brazo para poñer no sitio da perna que nos cortaron antes. A reflexión de que, comparados coa natureza e co universo, somos coma as sementes do mexacán no vento é tan sabida e aínda sensibleira coma notoria a súa certeza a cada día que pasa, e non hoxe, senón desde hai moito tempo xa, e a quen non o queira entender, peor lle ha ser. Somos sementes de mexacán que rimaron en endecasílabos e crearon métodos para calcular o día da propia morte, pero sementes de mexacán ó cabo. Non nos van soprar desta vez, mais si algún día, se cadra non moi distante. O caso é cando será.

Por iso, facede coñas co problema. Con calquera problema e con calquera motivo para a incerteza, e en particular cos vosos. Se vos queren negar o saúdo na rúa e linchar na rede social, deixádelles que o fagan. É habitual que os máis se laien polas vidas perdidas ou sufridas sexan os que menos fan por conservar a saúde propia e dar goce ós demais. Non me veña chamar humorista de mal gusto quen fuma dous paquetes diarios e/ou se ceba con aceite de palma e E-o que sexa, e quen sabe se non votou a quen deixou os hospitais como estaban xa antes desta putada. Bótate fóra. Vaite para o monte.

É difícil que vos deixen, pero reparade na paisaxe todo o que poidades antes de que veña o vento. Coido que iso é canto temos.

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s