Os escritores que non escribirán “confinamento”

heavy-transport-4639450_1280

Foto: Daniel Kirsch

Nunha novela que releo bastante, un señor distinguido chega a unha aldea na que vén de acontecer unha desgracia, e vese obrigado a escoitar o relato da mesma por boca dos seus habitantes. O señor distinguido describe tal explicación coma sucesivas repeticións dos mesmos feitos, e atribúeas ó que, segundo el, é o costume das xentes do rural, que adoitan ter moita gana de falar e moi pouco que contar. Teño percibido eu mesmo este costume, non exactamente en xente do rural senón, máis ben, en xente de existencia monótona que non é quen de ficar calada.

Na narrativa galega, este ciclo da repetición dáse constantemente desde hai décadas. Non é segredo ningún. De súpeto, xurde algún tema ou tendencia da actualidade que motiva un número maior ou menor de libros con tal base. Estes libros poden traer certa frescura, mais axiña chega a xeada da explotación masiva, co agravante, no caso particular da literatura de aquí, dunha aprehensión moi marcada a tirar polo camiño retorto que limita aínda máis as súas posibilidades creativas. E a partires dese momento, os escritores son coma os labregos da novela: repiten unha vez e outra a mesma historia, con outros nomes e outras vestiduras.

Estamos no tempo de orixe dun deses temas ou tendencias. O coroavirus trouxo canda el o confinamento de xeito directo e, con case toda certeza, unha onda dificilmente evitable de ficción acerca do asunto de xeito indirecto. O fenómeno, por descontado, non se vai limitar ó noroeste peninsular. Xa se anunciou que na meseta andan a preparar unha serie con Leticia Dolera, e Alberto Vázquez-Figueroa tamén dará ó prelo unha novela. Cando leo estas cousas, imaxino ós guionistas e ós novelistas nas súas casas, acabando de tirar da cara unha mascariña das etiquetadas FFP2, de uso tan recomendable coma extenuante, lavando as mans con auga e xabrón das mans durante 20 segundos para logo meter a compra na neveira. E, ó tempo que fan todo isto, cavilan, e cavilan, ata que nas tebras se prende unha candea e dan cunha historia acerca dun tempo que pasará á Historia. As Leticias Doleras do mundo chaman entusiasmadas ós seus amigos do ramo audiovisual de tomar as copas en pubs elegantes, os escritores vendedores, ós seus editores, e os que non, confían en que desta o García Barros está no cesto, e primeiro tomaremos Manhattan, e despois…

É entrañable, este proceso, a súa maxia, sobre todo para os que somos descridos e xa só acertamos a nos preguntar cando veremos o primeiro título non coa palabra “confinamento”, que sería demasiado evidente, senón algunha referencia argumental máis sutil, e canta será a carga socio-psicolóxica do produto, e en cantos centros de ensino o recomendarán finalmente. A xeada virá despois, porque, isto seino positivamente, tampouco irá o tránsito de golpes de tecla en estado de alarma polo camiño retorto.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s